Benvida

Esta benvida á nosa web está dirixida a TODOS, sexan ou non socios da nosa entidade.

AGAXEDE é unha asociación relativamente nova que pretende medrar e consolidarse incorporando ao maior número posible de profesionais da xestión deportiva -pública ou privada- que exercen este labor na Comunidade Autónoma de Galicia.

AGAXEDE naceu para servir aos xestores deportivos de Galicia. Este proxecto só se pode realizar co apoio e a participación daqueles que estamos vinculados dalgunha maneira con esta área de coñecemento -a xestión deportiva- que condiciona dun xeito significativo o desenvolvemento do deporte en Galicia.

Aos socios, máis aló do pago da cota, pedímoslles compromiso e participación para que AGAXEDE poida medrar e progresar. E aos que aínda permanecen fóra, animámolos a que se incorporen sen máis dilación, porque é agora cando máis se necesita o respaldo e alento de todos os que temos un interese común.

Un proxecto é unha tarefa de moitos, e os que circunstancialmente asumimos unha responsabilidade directiva, somos conscientes que deben ser os socios quen determinen o rumbo da nosa asociación e a actividade que ésta debe desenvolver.

AGAXEDE será o que queiran os xestores deportivos de Galicia. É a nosa decisión a que pode fortalecer ou debilitar este proxecto. As portas están abertas para que ninguén poida sentirse excluído e a participación enriquecerá a idiosincrasia da entidade.

 

PRESENTACIÓN

A Actividade Física e o Deporte considérase como un dos fenómenos sociais máis relevantes da última década do século XX e de forma especial cualificouse desde moitos sectores como unha das mellores fórmulas para elevar a calidade de vida das persoas.

Múltiples accións, procesos, cambios de valores e investimentos públicos e privados, levaron á modificación do panorama do ámbito deportivo ás súas múltiples facetas.

Este enorme crecemento non é cuestionado por ninguén, pero si é evidente que hoxe en día se expón varias interrogantes sobre o futuro deste sector, e todas apuntan cara a un labor de axustes e replantexamentos para adaptarse á evolución que xa camiña en varias facetas do ámbito deportivo cara a unha cultura de mercado.

Moitas das áreas da Xestión Deportiva dependen das complexas redes de relacións que existen entre os diferentes axentes involucrados nos distintos sistemas deportivos, demostrándonos que o sector deportivo é polifacético e está sometido a unha evolución continua.

Atendendo a esta situación global, desde fai varios anos un grupo de profesionais do ámbito da Xestión Deportiva expuñan a necesidade de establecer un grupo de traballo dentro deste sector profesional que puidese servir como referencia á hora de introducir cambios nos modos de actuar dos diversos axentes implicados no sector deportivo (Administración pública e sector privado) que puidesen dar respostas que nos permitan afrontar con obxectividade e rigor os novos escenarios nos que se move o mundo deportivo; producidos polos constantes cambios tecnolóxicos, os novos sistemas de comunicación e información os novos valores culturais, os novos cambios competenciais e sobre todo os novos valores económicos deste sector.

Podemos afirmar con total rotundidade que nos atopamos nun punto de inflexión, onde é necesario introducir e desenvolver elementos de traballo que melloren os sistemas e procesos relacionados coa xestión, planificación e organización dos servizos e recursos dos diversos axentes deportivos implicados.

Dentro deste contexto, e movidos por esa necesidade de reflexión e estudo xorde a idea de crear unha asociación aberta á participación de todas aquelas persoas vinculadas profesionalmente coa xestión deportiva. Así, o 17 de marzo de 1998, reuníronse no INEF de Galicia un grupo de profesionais da xestión deportiva co obxectivo de unificar todas as súas inquietudes.

VER/ DESCARGAR PRESENTACIÓN DE AGAXEDE