ESTATUTOS DA ASOCIACIÓN GALEGA DE XESTORES DEPORTIVOS

ESTATUTOS DA ASOCIACIÓN GALEGA DE XESTORES DEPORTIVOS

27 Marzo 2015

 

CAPÍTULO I: DENOMINACIÓN, FINS, ACTIVIDADES, DOMICILIO E ÁMBITO 

Artigo 1º.- Denominación 

1.1. Coa denominación de ASOCIACIÓN GALEGA DE XESTORES DEPORTIVOS (a partir de agora, AGAXEDE) constitúese con carácter indefinido, unha entidade sen ánimo de lucro, ao amparo do Art. 22 da Constitución Española, que se rexerá pola Lei Orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación, ademais de por calquera outra norma de aplicación e polos Estatutos vixentes. 

1.2. O funcionamento e organización de AGAXEDE rexerase por principios democráticos e representativos.

1.3. Rexéitase expresamente a adscrición e orientación política ou de calquera outra índole ideolóxica de AGAXEDE, declarándose independente e respectando as crenzas persoais de cada un dos seus membros.

 

Artigo 2º.- Fins 

O obxecto social de AGAXEDE é o fomento e desenvolvemento dunha xestión deportiva sustentable e de calidade no ámbito público e privado da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da formación permanente, a organización de actividades, o estudo, análise e difusión das áreas de coñecemento de aplicación, o asesoramento dos xestores deportivos, así como a colaboración con calquera institución ou entidade de natureza privada ou pública que realice xestión deportiva. Ao mesmo tempo, constitúese como foro permanente de debate e observatorio da xestión deportiva que se aplica no sistema deportivo de Galicia.

 

Artigo 3º.- Actividades 

Para o cumprimento dos seus fins, entre outras, realizaranse as actividades seguintes:

a) Organización de cursos, xornadas, seminarios e congresos en calquera das áreas de coñecemento aplicadas na xestión deportiva. 

b) Organización de programas e actividades físicas e deportivas.

c) Prestación de servizos de asesoramento, informes, estudos, etc.

d) Información, documentación e divulgación (web, publicacións, etc.)

e) Premios e galardóns para o recoñecemento de persoas e institucións.

f) Participación en plataformas e foros de interese para o desenvolvemento da xestión deportiva.

g) Colaboración coas iniciativas, proxectos e actividades de entidades públicas e privadas que contribúan ao fomento da actividade física e deportiva e á excelencia da xestión deportiva.

h) Cantas outras actividades contribúan aos fins de AGAXEDE. 

 

Artigo 4º.- Domicilio e Ámbito 

4.1.- AGEXEDE terá o seu domicilio social na C/ Darwin, nº1, sito en Santa Cristina, 15.172 (Oleiros-A Coruña). Con todo, os órganos de goberno e representación de AGAXEDE poderán reunirse en calquera lugar da Comunidade Autónoma de Galicia.

4.2.- O ámbito de actuación circunscríbese ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e para o seu mellor funcionamento poderanse crear delegacións territoriais (provinciais, comarcais ou locais).

 

 

CAPÍTULO II: ÓRGANOS DA ASOCIACIÓN 

Artigo 5º.- Órganos de goberno e representación da Asociación 

5.1.- Os órganos de goberno e representación de AGAXEDE son a Asemblea Xeral, a Xunta Directiva e o Comité Executivo.

5.2.- Poderán constituírse por acordo da Xunta Directiva, cantas comisións de traballo e órganos de carácter técnico sexan necesarios, previo estudo da súa viabilidade funcional e económica.

5.3.- Os cargos poderán ser retribuídos, sempre que o dispoñan os Estatutos e se contemple nas contas anuais aprobadas en asemblea xeral.

 

 

CAPÍTULO III: ASAMBLEA XERAL 

Artigo 6º.- Natureza 

A Asemblea Xeral é o órgano supremo de goberno de AGAXEDE e todos os socios de número formarán parte da mesma, sendo as súas decisións vinculantes para todos os asociados.

 

Artigo 7º.- Reunións 

As reunións da Asemblea Xeral serán ordinarias e extraordinarias. As ordinarias celebraranse, polo menos, unha vez ao ano, e as extraordinarias, nos supostos previstos pola lei. As reunións serán convocadas polo Presidente a iniciativa propia, por acordo da Xunta Directiva ou cando o solicite por escrito, polo menos, o 20% dos asociados.

 

Artigo 8º.- Convocatorias 

As convocatorias das Asembleas Xerais, tanto ordinarias como extraordinarias, faranse por escrito a través de correo ordinario ou calquera outro medio virtual ou telemático, expresando o lugar, día e hora da reunión, así como a orde do día. Entre a convocatoria e o día sinalado para a celebración da Asemblea en primeira convocatoria haberán de mediar polo menos quince días, facendo constar cando se reunirá en segunda convocatoria, sen que entre unha e outra poida mediar un prazo inferior a trinta minutos. Por razóns de urxencia poderá reducirse o prazo de convocatoria, debendo a asemblea outorgar a súa conformidade no momento que quede constituída validamente.

 

Artigo 9º.- Quórum de validez de constitución e quórum de adopción de acordos 

As Asembleas Xerais, tanto ordinarias como extraordinarias, quedarán validamente constituídas cando concorran a elas, presentes ou representados en primeira convocatoria, polo menos un terzo dos asociados con dereito a voto. En segunda convocatoria, quedarán validamente constituídas independentemente do número de asociados presentes ou representados.

Os acordos tomaranse por maioría simple de votos das persoas presentes ou representadas, salvo nos supostos de modificación de estatutos, disolución da asociación, disposición ou alleamento de bens ou remuneración dos membros da Xunta Directiva, nos que será necesaria unha maioría de dous terzos de votos das persoas presentes ou representadas, decidindo en caso de empate o voto de calidade do Presidente ou de quen o substitúa, no seu caso.

 

Artigo 10º.- Facultades da Asemblea Xeral Ordinaria 

La Asemblea Xeral Ordinaria ten as facultades seguintes: 

a) Nomeamento da Xunta Directiva e os seus cargos, administradores e representantes, así como os seus socios de honra, e a ratificación do nomeamento das vacantes da Xunta Directiva.

b) Examinar e aprobar os orzamentos anuais, balances e informes de xestión. 

c) Aprobar a xestión da Xunta Directiva. 

d) Fixar as cotas ordinarias ou extraordinarias. 

e) Acordo para o ingreso e separación en calquera Asociación, Federación u Organismo. 

f) Expulsión de socios a proposta da Xunta Directiva. 

g) Solicitude de declaración de utilidade pública. 

h) Aprobación do Regulamento de Réxime Interno. 

i) Remuneración, no seu caso, do Presidente ou calquera dos membros da Xunta Directiva. 

j) Nomear censores de contas de entre os seus membros non pertencentes á Xunta Directiva que deberán emitir o seu informe na seguinte Asemblea Ordinaria. O seu mandato durará un ano, podendo ser reelixidos. 

k) Aprobar o plan anual de actividades e a memoria do programa realizado. 

l) Calquera outra que non sexa da competencia exclusiva da Asemblea extraordinaria. 

 

Artigo 11º.- Facultades da Asemblea Xeral Extraordinaria 

Corresponde á Asemblea Xeral Extraordinaria a modificación dos Estatutos, a concertación de créditos e préstamos, a emisión de títulos representativos de débeda ou de parte alícuota patrimonial, o alleamento de bens inmobles e a disolución da Asociación.

 

 

CAPÍTULO IV: XUNTA DIRECTIVA E COMITÉ EXECUTIVO 

Artigo 12º.- Natureza e composición 

A Xunta Directiva é o órgano de representación que xestiona e representa os intereses da Asociación de acordo coas disposicións e directivas da Asemblea Xeral. Estará formada, polo menos, por un Presidente, un Vicepresidente, un Secretario, un Tesoureiro e catro Vocais, designados pola Asemblea Xeral entre os asociados maiores de idade, en pleno uso dos seus dereitos civís que non estean incursos en motivos de incompatibilidade legalmente establecidos. 

O seu mandato terá unha duración de catro anos, podendo ser reelixidos, e reunirase, polo menos, tres veces ao ano. Os cargos da Xunta Directiva desempeñaranse con carácter gratuíto, salvo o abono de dietas e gastos que correspondan no desempeño das súas responsabilidades, aínda que a Asemblea Xeral poderá establecer, no seu caso, a remuneración.

A Xunta Directiva, de entre os seus membros, designará un Comité Executivo que se reunirá, polo menos, unha vez ao mes. 

 

Artigo 13º. Procedementos para a elección e substitución de membros 

A elección dos membros da Xunta Directiva pola Asemblea Xeral realizarase mediante a presentación de candidaturas, ás que se lles permitirá a adecuada difusión, cunha antelación dun mes á celebración da correspondente reunión. 

En caso de ausencia por enfermidade, renuncia ou cesamento dalgún membro da Xunta Directiva, o Presidente poderá substituílo provisionalmente no exercicio das súas responsabilidades e funcións por outro asociado, que deberá ratificarse na seguinte asemblea xeral. A substitución do Presidente corresponderalle ao Vicepresidente Primeiro. 

Os membros da Xunta Directiva e do Comité Executivo cesarán nos supostos seguintes: 

a) Por esgotar o período do seu mandato. 

b) Por renuncia expresa. 

c) Por acordo da Asemblea Xeral. 

 

Artigo 14º.- Facultades da Xunta Directiva e do Comité Executivo

A Xunta Directiva ten as facultades seguintes:

a) Elaborar e presentar á aprobación da Asemblea Xeral, os orzamentos anuais, balances e informes de xestión. 

b) Elaborar e presentar á aprobación da Asemblea Xeral, o Regulamento de Réxime Interior e calquera outros regulamentos que se precisen. 

c) Acordar os contratos, convenios e calquera acto que non sexan de exclusiva competencia da Asemblea Xeral. 

d) Contratar o persoal dos postos de traballo previsto no orzamento aprobado na Asemblea.

e) Designar a substitución das vacantes producidas na Xunta Directiva que deberá ratificar a Asemblea. 

f) Ratificar a substitución das vacantes producidas no Comité Executivo.

g) Resolver sobre a admisión de novos asociados. 

h) Nomear delegados, comisións de traballo ou órganos técnicos para o desenvolvemento da actividade da Asociación. 

i) Calquera outra facultade que non sexa da exclusiva competencia da Asemblea Xeral ou que non estea delegada no Comité Executivo. 

 

O Comité Executivo ten as facultades seguintes:

a) Dirixir as actividades sociais e a xestión económica e administrativa da Asociación.

b) Executar os acordos da Asemblea Xeral, conforme ás directrices da Xunta Directiva. 

c) Calquera outra función delegada pola Xunta Directiva.

 

Artigo 15º.- O Presidente 

O Presidente ostenta as atribucións seguintes: 

a) Representar legalmente á Asociación, ante calquera organismo público ou privado. 

b) Convocar, presidir e levantar as sesións que celebre a Asemblea Xeral, a Xunta Directiva e o Comité Executivo. 

c) Dirixir as deliberacións dos órganos mencionados con anterioridade. 

d) Designar a substitución dos membros do Comité Executivo que causen baixa, temporal ou definitivamente, que deberá ratificarse pola Xunta Directiva. 

e) Solicitar subvencións e calquera outra axuda económica a entidades públicas ou privadas.

f) Ordenar pagos e autorizar coa súa firma os documentos, actas e correspondencia. 

g) Adoptar calquera medida urxente que resulte necesaria ou conveniente para o funcionamento da entidade e o desenvolvemento das súas actividades, sen prexuízo da súa posterior ratificación pola Xunta Directiva ou, no seu caso, pola Asemblea Xeral.

 

Artigo 16º.- O Vicepresidente 

O Vicepresidente Primeiro, ou vicepresidentes pola orde establecida no seu caso, substituirán na súa ausencia ao Presidente, orixinada por enfermidade ou calquera outro motivo, coas mesmas atribucións.

 

Artigo 17º.- O Secretario 

O Secretario terá ao seu cargo a dirección dos traballos administrativos da Asociación, expedirá certificacións, levará os ficheiros e custodiará a documentación da entidade, comunicando á Administración o que estea disposto  legalmente. A Asemblea Xeral poderá designar a unha persoa para o desempeño da función de Vicesecretario que auxiliará nas tarefas propias de Secretaria e, no seu caso, substituirá ao Secretario en caso de ausencia.

 

Artigo 18º.- O Tesoureiro

O Tesoureiro custodiará os fondos pertencentes á asociación e dará cumprimento ás ordes de pago que expida o Presidente. A Asemblea Xeral poderá designar a unha persoa para o desempeño da función de Vicetesoureiro que auxiliará e, no seu caso, substituirá ao Tesoureiro en caso de ausencia.

 

 

Artigo 19º.- Os Vogais 

Os Vogais terán as obrigacións propias do seu cargo como membros da Xunta Directiva e, no seu caso, as que teñan asignadas especificamente no Comité Executivo ou nas comisións de traballo. 

 

 

CAPÍTULO V: OS ASOCIADOS 

Artigo 20º.- Requisitos para asociarse 

Poderá pertencer a AGAXEDE calquera persoa maior de idade e con capacidade de obrar que teña interese pola xestión deportiva e o desenvolvemento da súa calidade e excelencia, tanto no ámbito público como privado.  

 

Artigo 21º.- Clases de Asociados 

As clases de asociados son as seguintes: 

a) Socios de Honra son aqueles que polo seu prestixio ou por contribuír de modo relevante aos fins da asociación, fáganse acredores a tal distinción, mediante o procedemento establecido. 

b) Socios de número son os membros que se afilian conforme ao procedemento establecido e atópense ao corrente do pago das súas cotas. 

c) Socios colaboradores que corresponde con aquelas institucións públicas ou entidades privadas que achegan axudas económicas ou “en especies” para o funcionamento de AGAXEDE e o desenvolvemento das súas actividades.

d) Socios en formación e voluntarios que son os estudantes que teñen interese pola xestión deportiva.

 

Artigo 22º.- Causas de perda da condición de asociado 

Perderase a condición de asociado por algunha das causas seguintes:

a) Por renuncia voluntaria comunicada por escrito á Xunta Directiva.

b) Por incumprimento das obrigacións ou doutra natureza derivada destes Estatutos e, en especial, cando non se satisfixo a cota establecida ao termo do ano, previa reclamación irrefutable da mesma.

c) Por expulsión, mediante acordo da Asemblea Xeral, cando se produciu unha infracción moi grave, de acordo ao previsto regulamentariamente. 

 

Artigo 23º.- Dereitos dos asociados

Os asociados de número terán os dereitos seguintes: 

a) Asistir á Asemblea Xeral, con voz e voto. 

b) Elixir e ser elixido membro dos órganos de goberno e representación.

c) Recibir información das actividades e demais accións realizadas pola entidade.

d) Participar nas actividades que organice a asociación e en calquera outra que colabore, nas condicións que se determinaron. 

e) Acceder ao réxime documental da asociación e ao seu estado de contas, a través dos órganos de representación, nos termos previstos na Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal. 

f) Alegar, con carácter previo, nas medidas disciplinarias que lle afecten. 

g) Impugnar os acordos dos órganos da asociación que estime contrarios á lei ou aos estatutos. 

h) Realizar propostas, suxestións ou reclamacións ante a Xunta Directiva e o Comité Executivo, para o mellor cumprimento dos fins da entidade. 

Os socios de honra, socios colaboradores e socios en formación e voluntarios terán os mesmos dereitos referidos, a excepción do dereito de voto na asemblea.

 

Artigo 24º.- Deberes dos asociados 

Os asociados terán as obrigacións seguintes: 

a) Asumir os fins da asociación e contribuír á súa consecución. 

b) Pagar as cotas, derramas e outras achegas que correspondan segundo a clase de asociado, fóra dos socios de honra. 

c) Cumprir o resto de obrigacións que resulten das disposicións estatutarias. 

d) Acatar e cumprir os acordos validamente adoptados polos órganos de goberno e representación da asociación . 

 

CAPÍTULO VI: RÉXIME DE FINANCIAMENTO, CONTABILIDADE E DOCUMENTACIÓN

Artigo 25º.- Obrigacións documentais e contables 

AGADEXE dispoñerá dunha relación actualizada de asociados. Así mesmo, levará unha contabilidade onde quedará reflectida a imaxe fiel do patrimonio, os resultados económicos, a situación financeira da entidade e as actividades realizadas. Tamén dispoñerá dun inventario actualizado dos seus bens.

Nun Libro de Actas recolleranse as correspondentes ás reunións que celebren os seus órganos de goberno e representación.

 

Artigo 26º.- Recursos Económicos 

Os recursos económicos previstos para o desenvolvemento dos fins e actividades da entidade son os seguintes:

a) As cotas de entrada, periódicas ou extraordinarias. 

b) As subvencións, legados ou herdanzas que puidese recibir de forma legal por parte dos asociados ou de terceiras persoas.

c) As aportacións concertadas cos patrocinadores.

d) Calquera outro recurso licito. 

Considéranse patrocinadores de AGAXEDE, as entidades públicas ou privadas que mediante unha achega económica ou outro tipo de colaboración, contribúen ao financiamento da asociación.

 

Artigo 27º.- Patrimonio Inicial e Peche de Exercicio 

AGADEXE carece de Patrimonio fundacional e o peche do exercicio económico realizarase co último día do ano natural. 

 

 

CAPÍTULO VII: DISOLUCIÓN 

Artigo 29º.- Acordo de disolución 

A Asociación disolverase nas circunstancias seguintes: 

a) Por vontade dos asociados expresada mediante acordo da Asemblea Xeral convocada para o efecto. 

b) Por imposibilidade de cumprir os fins previstos nos estatutos,  apreciada por acordo da Asemblea Xeral.

c) Polas causas determinadas no Art. 39 do Código Civil.

d) Por sentencia xudicial firme.

O acordo de disolución adoptarase pola Asemblea Xeral, por maioría de dous terzos dos asociados asistentes ou representados.

 

Artigo 30º.- Comisión Liquidadora 

En caso de disolución, nomearase unha comisión liquidadora que, unha vez extinguidas as débedas, no seu caso, o remanente do seu patrimonio social será destinado a fins non lucrativos que se comunicará, para os efectos, ao órgano competente da Xunta de Galicia.

Os liquidadores terán as funcións que establecen os apartados 3 e 4 do Art. 18 da Lei Orgánica 1/2002, do 22 de marzo.

 

 

Disposición final 

O establecido nos presentes Estatutos entrará en vigor no mesmo momento en que sexan cumpridos todos os trámites legais para a súa aprobación.

“Dilixencia para facer constar que os presentes estatutos quedan redactados conforme ás modificacións acordadas na Asemblea Xeral do 31 de xullo de 2007, para cumprir cos requisitos establecidos na disposición transitoria primeira da Lei Orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación”.

 

Dilixencia Final

D. David Fabeiro Agraso, na súa calidade de secretario da Asociación Galega de Xestores Deportivos, fai constar que os presentes estatutos foron modificados por acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria, celebrada o 27 de marzo de 2015.

 

 

Podes descargar os Estatutos de AGAXEDE aquí: EstatutosAGAXEDE_gal