FAGDE e Consejo COLEF, consolidación de colaboración entre ambas as institucións
26/09/2017 Categoría:  Actualidade

O pasado martes 19 tivo lugar na sede de AGAXEDE (Asociación Galega de Xestores Deportivos) de Oleiros, A Coruña, unha cordial reunión entre o Presidente da Federación de Asociaciones de Gestores del Deporte de España (FAGDE), D. Eduardo Blanco e o Presidente da organización colexial - Consejo COLEF, D. Vicente Gambau, con motivo da consolidación da colaboración entre ambas institucións.

Entre os temas tratados hai que destacar a vontade de buscar sinerxias en temas de formación, na procura de fórmulas para que as organizacións territoriais fomenten a colexiación e afiliación conxunta, e a consolidación do compromiso de colexiación dos xestores con responsabilidades na dirección técnica e con titulación universitaria en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, para o estrito cumprimento das obrigacións legais e deontolóxicas destes profesionais.

Destácase o acordo de colaboración para a organización dunha xornada formativa no marco do salón da Piscina & Welness Barcelona o próximo 20 de outubro para tratar a conceptualización das diferentes ocupacións dentro da dirección e xestión deportiva.

Esta temática foi encomendada á Comisión Permanente do Consejo COLEF no último Pleno de Palma de marzo de 2017 debido á confusión xeneralizada entre as funcións de dirección e xerencia, xestión deportiva, dirección deportiva e coordinación. 

Durante o desenvolvemento desta xornada asinarase un convenio marco de colaboración entre ambas organizacións.