O CLÚSTER GALEGO DO DEPORTE REUNIRÁ NA CORUÑA A PERSOAS EXPERTAS SOBRE PRESCRICIÓN DE EXERCICIO FÍSICO

O CLÚSTER GALEGO DO DEPORTE REUNIRÁ NA CORUÑA A PERSOAS EXPERTAS SOBRE PRESCRICIÓN DE EXERCICIO FÍSICO
INFORMACIÓN:
  • Fecha: del Martes, 21 de Julio de 2026
  • Hora: 11:00h.
  • Presencial

A xornada, que terá lugar o vindeiro 21 de xullo no Espazo ABANCA Avenida, contará coa ponencia do recoñecido catedrático Mikel Izquierdo

O Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar porá a presecrición de exercicio físico no centro da conversa coa organización do «Foro Receita Deportiva», que terá lugar o vindeiro martes 21 de xullo, entre as 11:00h e as 13:00h, no Espazo ABANCA Avenida da Coruña. Este encontro, que conta co financiamento do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), busca conectar de xeito real, seguro e eficiente o sistema sanitario público cos recursos deportivos da comunidade.

O gran atractivo do Foro será a ponencia de Mikel Izquierdo, catedrático de Ciencias da Saúde na Universidade Pública de Navarra (UPNA) e un dos maiores referentes internacionais na investigación do exercicio físico e a saúde. Izquierdo é investigador principal do grupo EFIT en Navarrabiomed e asesor do Consorcio de Envellecemento Saudable da OMS, liderou numerosos proxectos europeos e é autor de máis de 450 publicacións científicas sobre exercicio, envellecemento, fraxilidade e calidade de vida. Na súa ponencia abordará os beneficios medibles da prescrición médica de exercicio físico e a integración da prescrición de exercicio físico nos sistemas de saúde e para situar a actividade física como un elemento fundamental na promoción da saúde e a prevención de enfermidades.

A continuación, o debate trasladarase a unha mesa redonda de marcado carácter multidisciplinar. Baixo a moderación de Jacobo López (Centros .activ), este espazo de reflexión e debate contará coas intervencións de Roberto García (Secretario Xeral para o Deporte), Manuel Giráldez (Director Médico en Galibárica e director da Cátedra AECC-UDC Exercicio contra o Cancro), Sole Tohux (AD Bolboretas A Coruña) e Óscar García (Decano da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da UVigo).

O evento, integrado no eixo de saúde comunitaria do #Plan2Millóns, tamén servirá como marco para presentar as conclusións e resultados do Obradoiro de deseño da proba piloto da Receita Deportiva, unha actividade que contou co financiamento do Igape.

Unha ponte entre a saúde e o deporte

Dende o Clúster sinalase que a posta en marcha da receita deportiva supón un fito imprescindible na abordaxe da saúde pública actual. «A loita contra o sedentarismo e as patoloxías asociadas non se xoga só nos hospitais; require unha ponte directa co sistema deportivo. Non abonda con aconsellar que a xente se mova; cómpre deseñar as ferramentas institucionais para que a actividade física supervisada poida ser prescrita polos profesionais sanitarios e derivar aos centros deportivo», apuntan.

Accede aquí ao formulario de inscrición.