O MANIFESTO 2M CHAMA A SUMAR ESFORZOS PARA ACADAR DOUS MILLÓNS DE PERSOAS ACTIVAS EN GALICIA
O Clúster do Deporte Galego impulsa o Manifesto 2M, unha iniciativa que pretende mobilizar o conxunto da sociedade arredor dun gran reto colectivo: acadar dous millóns de persoas activas en Galicia e avanzar cara a unha comunidade máis saudable, cohesionada e con maior calidade de vida.
Baixo a mensaxe «Galicia móvese cando nos movemos», o Manifesto 2M propón situar a actividade física como unha cuestión que vai máis alá da práctica deportiva e que ten un impacto directo sobre a saúde, a educación, a igualdade de oportunidades e a cohesión social.
A iniciativa estrutúrase arredor de cinco grandes piares. O primeiro destaca que a actividade física transforma vidas, polo seu papel na mellora da saúde física e mental, na prevención de enfermidades e no benestar das persoas.
O segundo sitúa a educación como punto de partida, defendendo a importancia de adquirir hábitos activos desde idades temperás para que estes poidan manterse ao longo da vida.
O terceiro principio sinala que o cambio se constrúe en comunidade. Acadar unha Galicia máis activa require da colaboración entre administracións, clubs, federacións, centros educativos, empresas, profesionais e cidadanía, sumando capacidades e creando máis oportunidades para a práctica de actividade física.
O Manifesto 2M tamén reivindica a actividade física como un dereito, defendendo que todas as persoas deben poder acceder a oportunidades para manter unha vida activa, independentemente da súa idade ou circunstancias, avanzando na eliminación das barreiras que dificultan a práctica.
Finalmente, o quinto piar sostén que Galicia pode liderar este cambio, aproveitando o potencial do seu tecido deportivo, social e empresarial e reforzando a colaboración público-privada para facer da promoción da actividade física un proxecto compartido.
Estes cinco principios complétanse cunha chamada á acción baseada en cinco compromisos: promover, colaborar, facilitar, inspirar e construír. O obxectivo é transformar os principios do manifesto en iniciativas concretas que permitan incorporar a actividade física ao día a día dun maior número de persoas.
O Manifesto 2M está aberto á adhesión de persoas, entidades e clubs, co propósito de sumar apoios de todos os ámbitos da sociedade galega.
Baixo o lema «O movemento empeza por ti», a iniciativa chama a participar nun reto común: avanzar cara a unha Galicia máis activa, saudable e inclusiva e conseguir que dous millóns de persoas incorporen a actividade física á súa vida.

