OS ESPACIOS ACUÁTICOS TAMÉN SON UN ESTADIO: O DEPORTE GALEGO RECLAMA VOZ NA XESTIÓN DA AUGA

OS ESPACIOS ACUÁTICOS TAMÉN SON UN ESTADIO: O DEPORTE GALEGO RECLAMA VOZ NA XESTIÓN DA AUGA

O mar, os ríos e as augas interiores non son só recursos a xestionar: son tamén espazos de actividade física, de benestar e de futuro. Trátase de recoñecer que o deporte é un usuario estratéxico da auga.

Pablo Tenreiro
Membro Xunta Directiva AGAXEDE
Local Sports Centers Management
Clúster do Deporte Galego
Publicado originalmente en elespanol.com

En Galicia hai un dato que o explica todo: a nosa costa, os nosos ríos, as nosas rías, os nosos encoros son a lámina de auga máis extensa do Estado. Máis de 1.400 quilómetros de litoral que non só definen a nosa paisaxe e identidade, senón tamén unha parte crecente da nosa economía, do turismo e do benestar da poboación. E, porén, hai un actor clave que segue practicamente ausente dos órganos onde se decide como se xestiona un recurso esencial para ese territorio: a industria do deporte.

Falamos de deportes náuticos, de actividades no mar, nas rías, nos encoros e nos ríos, de instalacións deportivas vinculadas á auga, de eventos que atraen milleiros de persoas e de federacións que teñen no mar e nas augas continentais o seu estadio natural. Vela, remo, piragüismo, surf, tríatlon, natación en augas abertas ou turismo deportivo azul non son actividades residuais nin anecdóticas. Son parte do ADN deportivo galego e unha fonte de actividade económica, emprego e proxección exterior.

E, con todo, o deporte segue sen voz estable nos órganos de decisión sobre a auga.

A auga non é só un recurso: Ademais é un espazo deportivo

Durante moito tempo, neste país a xestión da auga centrouse —con razón— en usos como o abastecemento, a agricultura, a industria ou a conservación ambiental, no resto de Europa a auga sempre vinculou-se a todo tipo de usos, incluíndo o do ocio e o deporte. Pero a realidade cambiou. Hoxe, o deporte e a actividade física vinculada ao medio acuático teñen un peso crecente, tanto desde o punto de vista social como económico.

En Galicia, o deporte acuático e o turismo deportivo azul, xa representan unha parte moi relevante do movemento económico do litoral, e pode ser moito mais relevante. Ademais, son actividades que desestacionalizan o turismo, dinamizan zonas rurais e costeiras, crean emprego cualificado e proxectan unha imaxe de territorio activo, saudable e sostible.

Ignorar este papel do deporte na gobernanza da auga é quedarse ancorados nun modelo incompleto.

Un aliado natural da sustentabilidade

Hai outro aspecto clave que cómpre subliñar: o deporte é un aliado da protección ambiental, porque xera una cultura de respecto polos espazos naturais, e esa sensación de ter algo único e especial, sempre vai xerar un aliado na protección medioambiental e non un inimigo. As actividades deportivas no medio natural dependen directamente de que os ecosistemas estean sans. Sen mares limpos, ríos coidados e contornas seguras, simplemente non hai deporte posible.

Por iso, a industria deportiva leva anos incorporando criterios de sustentabilidade, seguridade e compatibilización de usos. O deporte non chega para explotar o medio, senón para coidalo, valorizalo e facelo accesible de maneira responsable. Integrar a súa voz nos órganos de xestión da auga non resta, suma: achega coñecemento práctico, visión territorial e capacidade de anticipación de conflitos.

Galicia, unha oportunidade única

Se hai un territorio onde isto cobra todo o sentido, ese é Galicia. Somos unha potencia en deportes acuáticos de alto rendemento, contamos cun tecido empresarial crecente arredor da economía azul deportiva e temos unhas condicións naturais envexables. Pero para converter esa vantaxe en liderado real, precisamos gobernanza moderna e inclusiva.

Dar voz ao sector deportivo nos órganos de decisión sobre a auga non é unha petición corporativa nin simbólica. É unha aposta por unha xestión máis intelixente, máis participativa e máis aliñada coa realidade do territorio.

Sentar ao deporte na mesa, un paso necesario

Desde o Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar demos xa un paso adiante e solicitamos formalmente contar cunha vogalía propia nos órganos de decisión sobre a auga en Galicia, como o Consello Reitor de Augas de Galicia e o Consello para o Uso Sostible da Auga.

Non se trata dunha demanda simbólica nin sectorial. Trátase de recoñecer que o deporte é un usuario estratéxico da auga, un motor económico ligado ao litoral, un aliado natural da sustentabilidade e un vector de saúde, cohesión social e proxección exterior do territorio.

Se Galicia aspira a liderar un modelo de economía azul responsable, se quere atraer turismo deportivo de calidade e se pretende protexer os seus ecosistemas sen renunciar ao desenvolvemento, o deporte debe formar parte da solución.

Porque o mar, os ríos e as augas interiores non son só recursos a xestionar: son tamén espazos de actividade física, de benestar e de futuro. E ese futuro constrúese mellor cando todas as voces implicadas están representadas.

Compartir esta noticia: