ESTATUTOS DE AGAXEDE

 
CAPÍTULO I
DENOMINACIÓN, FINS, ACTIVIDADES, DOMICILIO E ÁMBITO

 

Artigo 1º.- Denominación

1.1.- Co nome de ASOCIACIÓN GALEGA DE XESTIÓN DEPORTIVA (a partir de agora, AGAXEDE), constitúese con carácter indefinido, unha entidade sen ánimo de lucro, ao amparo do Art. 22 da Constitución Española, que se rexerá pola Lei Orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación, ademais de calquera outra norma de aplicación e polos Estatutos vixentes e o seu desenvolvemento regulamentario.

1.2.- O funcionamento e organización de AGAXEDE se rexerá segundo principios democráticos, representativos e de transparencia.

1.3.- Rexeitarase expresamente a adscrición e orientación política ou de calquera outra índole ideolóxica de AGAXEDE, declarándose independente e respectando as crenzas de cada unha das persoas asociadas.

1.4.- Establecese o firme compromiso de AGAXEDE coa transición ecolóxica e dixital, e a aposta polo desempeño dunha dirección e xestión deportiva sostible e respectuosa co medio ambiente, segura, inclusiva e igualitaria respecto ás persoas, sen ningún tipo de discriminación.

 

Artigo 2º.- Fins

Os fins principais de AGAXEDE son:

2.1.- O fomento e desenvolvemento, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, dun desempeño da dirección e xestión do deporte que sexa seguro, sostible, inclusivo, accesible, igualitario, dixital e de calidade.

2.2.- A información, formación e asistencia, por medio das ferramentas e actividades que sexan precisas, ás persoas que realizan un desempeño de dirección e xestión deportiva, tanto no sector público como no privado, e sexan ou non de carácter profesional.

 

Artigo 3º.- Actividades

Para o cumprimento dos seus fins, entre outras, AGAXEDE poderá realizar as actividades seguintes:

  1. Organización de actividades de formación, a través de cursos, xornadas, seminarios e congresos en calquera das áreas do coñecemento aplicadas á xestión deportiva, sexa de maneira presencial ou virtual.
  2. Promoción de actividades físicas e deportivas saudables que promovan o movemento e a vida activa en persoas de calquera idade e condición.
  3. Explotación de instalacións e espazos deportivos que permitan o desenvolvemento dunha formación e capacitación práctica nas diversas tarefas que require a dirección e xestión integral dunha infraestrutura deportiva.
  4. Prestación de servizos de asistencia e asesoramento a persoas e entidades.
  5. Elaboración de estudos, análises, informes, plans estratéxicos, plans de viabilidade, etc. no ámbito do deporte.
  6. Divulgación de información e documentación de interese, por medio de publicacións, plataformas dixitais, web e redes sociais.
  7. Recoñecemento mediante premios e galardóns, de persoas e institucións no ámbito da dirección e xestión deportiva.
  8. Participación en plataformas e foros de interese e representación dos intereses e demandas das persoas que realizan un desempeño de dirección e xestión deportiva.
  9. Fomento de encontros e actividades pare promover a innovación e o emprendemento na dirección e xestión deportiva. 
  10. Servir como foro permanente de debate e observatorio da xestión deportiva en Galicia.
  11. Colaboración coas iniciativas, proxectos e actividades de entidades públicas e privadas que contribúan á calidade e excelencia da xestión deportiva.
  12. Cantas outras actividades contribúan aos fins de AGAXEDE.

 

Artigo 4.- Domicilio e ámbito

4.1.- AGAXEDE terá a seu domicilio social na Rúa Darwin, nº1, sito en Santa Cristina, 15.172 (Oleiros-A Coruña). Con todo, os órganos de goberno e representación de AGAXEDE poderán reunirse de forma presencial, en calquera lugar da Comunidade Autónoma de Galicia, ou mediante tecnoloxía dixital, adoptando os acordos e decisións que correspondan.

4.2.- O ámbito de actuación circunscríbese ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

4.3.- Poderanse establecer delegacións territoriais en calquera lugar da Comunidade Autónoma de Galicia, por acordo da Xunta Directiva, para un mellor funcionamento e representatividade da Asociación.

4.4.- AGAXEDE encóntrase actualmente integrada na FAGDE (Federación de Asociaciones de Gestores del Deporte de España).

 

 

CAPÍTULO II
ÓRGANOS DE ASOCIACIÓN

 

Artigo 5º.-Órganos de goberno e representación da Asociación

5.1 Os órganos de goberno e representación de AGAXEDE son a Asemblea Xeral, a Xunta Directiva e o Comité Executivo.

5.2 .- Poderán constituírse por acordo da Xunta Directiva, cantas comisións de traballo e órganos de carácter técnico sexan necesarios, previo estudo da súa viabilidade funcional e económica.

5.3 .- Os cargos poderán ser retribuídos, sempre que sexa aprobado pola Asemblea Xeral e se contemple nas contas anuais da entidade.

 

 

CAPÍTULO III
ASEMBLEA XERAL

 

Artigo 6º.- Natureza

A Asemblea Xeral é o órgano supremo de goberno de AGAXEDE e todas as persoas asociadas de número formarán parte da mesma, sendo a súas  decisións vinculantes para todos os membros.

 

Artigo 7º.- Reunións

As reunións da Asemblea Xeral serán ordinarias e extraordinarias. As ordinarias celebraranse unha vez ó ano, polo menos, e as extraordinarias nos supostos previstos pola lei e, en todo caso, mediante a convocatoria do Presidente a iniciativa propia, por acordo da Xunta Directiva ou cando o solicite por escrito, polo menos,  o 20 % dos asociados.

 

Artigo 8º.- Convocatorias

As convocatorias das Asembleas Xerais, tanto ordinarias como extraordinarias, faranse por escrito a través de correo ordinario ou calquera outro medio virtual ou telemático, expresando o lugar ou, no seu caso, medio dixital , día e hora da reunión, así como a orde do día. Entre a convocatoria e o día sinalado para a celebración da Asemblea en primeira convocatoria haberán de mediar polo menos quince días, facendo constar cando se reunirá en segunda convocatoria, sen que entre unha e outra poida mediar un prazo inferior a trinta minutos. Por razóns de urxencia poderá reducirse o prazo de convocatoria, debendo a asemblea outorgar a súa conformidade no momento que quede constituída validamente.

 

Artigo 9º.- Quórum de validez da constitución e quórum de adopción de acordos

9.1.- As Asembleas Xerais, tanto ordinarias como extraordinarias, quedarán validamente constituídas cando concorran a elas, presentes ou representadas en primeira convocatoria, polo menos un terzo das persoas asociadas con dereito a voto. En segunda convocatoria, quedarán validamente constituídas, independentemente do número de persoas asociadas presentes ou representadas.

9.2.- Os acordos tomaranse por maioría simple de votos das persoas presentes ou representadas, xa sexa de maneira presencial ou dixital, agás nos  supostos de modificación de estatutos, disolución da asociación, disposición ou alleamento de bens ou remuneración dos membros da Xunta Directiva, nos que será necesaria unha maioría de dous terzos dos votos das persoas presentes ou representadas, decidindo en caso de empate o voto de calidade da Presidencia da entidade ou da persoa que o substitúa, no seu caso.

 

Artigo 10º.- Facultades da Asemblea Xeral Ordinaria

A Asemblea Xeral Ordinaria ten as facultades seguintes:

  1. Nomeamento das persoas que ostentarán unha Presidencia de Honra ou persoas asociadas de honra, e a ratificación do nomeamento das vacantes da Xunta Directiva.       
  2. Examinar e aprobar orzamentos anuais, balances e informes de xestión.       
  3. Aprobar a xestión da Xunta Directiva.       
  4. Fixar as cotas ordinarias ou extraordinarias.       
  5. Acordo para o ingreso e separación en calquera Asociación, Federación ou Organización.       
  6. Expulsión de membros, de forma xustificada, a proposta da Xunta Directiva.
  7. Solicitude de declaración de utilidade pública.       
  8. Aprobación do Regulamento de Réxime Interno ou calquera outro regulamento que se considere necesario para un mellor funcionamento da entidade.      
  9. Remuneración, se é o caso, da persoa que ocupe a Presidencia ou calquera dos membros da Xunta Directiva.         
  10. Nomear censores de contas de entre os seus membros non pertencentes á Xunta Directiva, que deberán conformar as contas na seguinte Asemblea Ordinaria. O seu mandato durará un ano, podendo ser reelixidos.         
  11. Aprobar o plan anual de actividades e a memoria do programa realizado.       
  12. Calquera outra facultade que non sexa da competencia exclusiva da Asemblea extraordinaria.   

        

Artigo 11º.- Facultades da Asemblea Xeral Extraordinaria

Corresponde á Asemblea Xeral Extraordinaria a elección da Presidencia e da súa Xunta Directiva, a modificación dos Estatutos, a concertación de créditos e préstamos, a emisión de títulos representativos de débeda ou de parte alícuota patrimonial, o alleamento de bens inmobles e a disolución da Asociación.

 

 

CAPÍTULO IV
XUNTA DIRECTIVA E COMITÉ EXECUTIVO

 

Artigo 12.- Natureza e composición

A Xunta Directiva é o órgano de representación que xestiona e representa os intereses da Asociación de acordo coas disposicións e directivas da Asemblea Xeral. Estará formada, polo menos, por unha Presidencia, dúas Vicepresidencias, como máximo, unha Secretaría Xeral (poderá haber unha  Vicesecretaría), unha Tesourería (pode haber unha Vicetesouraría), e, un mínimo de catro Vogalías, que designará a Asemblea Xeral entre as persoas asociadas maiores de idade, en pleno uso dos seus dereitos civís que non están incursos en motivos de incompatibilidade legalmente establecidos.

O seu mandato terá unha duración de catro anos, podendo ser reelixidos ata un máximo de tres períodos consecutivos e reunirase, polo menos tres veces ó ano. Os cargos da Xunta Directiva se desempeñarán con carácter gratuíto, agás o abono de dietas e gastos que correspondan ao desempeño das súas responsabilidades, se ben a Asemblea Xeral poderá establecer, se é o caso, a remuneración.

A Xunta Directiva, de entre os seus membros, designará un Comité Executivo que se reunirá, polo menos, tres veces ó ano.

 

Artigo 13º.- Procedementos para a elección e substitución de membros

A elección dos membros da Xunta Directiva pola Asemblea Xeral realizarase mediante a presentación de candidaturas pechadas , ás que se lles permitirá a adecuada difusión, cunha antelación dun mes á celebración da correspondente reunión.

En caso de ausencia por enfermidade, renuncia ou cesamento de calquera membro da Xunta Directiva, a Presidencia poderá substituílo provisionalmente no exercicio das súas responsabilidades e funcións por outra persoa asociada, que deberá ratificarse na seguinte asemblea xeral. A substitución da persoa que ostente a Presidencia, correspóndelle a quen exerce a Vicepresidencia Primeira ou, no seu caso, a seguinte, polo seu orde. 

Os membros da Xunta Directiva e do Comité Executivo cesarán nos supostos seguintes:

  1. Por ter esgotado o período do seu mandato.     
  2. Por renuncia expresa.     
  3. Por acordo da Asemblea Xeral.     

 

Artigo 14 º.- Facultades da Xunta Directiva e do Comité de Executivo

A Xunta Directiva ten as seguintes facultades:

  1. Elaborar e presentar á aprobación da Asemblea Xeral, orzamentos anuais, balances e informes de xestión.     
  2. Elaborar e someterse á aprobación da Asemblea Xeral, o Regulamento de Réxime Interior e calquera outros regulamentos que se precisen.
  3. Acordar os contratos, convenios e calquera acto que non sexan exclusiva competencia da Asemblea Xeral.     
  4. Contratar ao persoal dos postos de traballo previstos no orzamento aprobado na Asemblea.    
  5. Designar a substitución das vacantes producidas na Xunta Directiva que deberá ratificar posteriormente a Asemblea.     
  6. Ratificar a substitución das prazas producidas no Comité Executivo.      
  7. Establecer delegacións territoriais para un mellor funcionamento da Asociación.     
  8. Nomear comisións de traballo ou órganos técnicos para o desenvolvemento da actividade da Asociación.    
  9. Calquera outra facultade que non sexa exclusiva competencia da Asemblea Xeral ou que non estea delegada no Comité Executivo.       

O Comité Executivo ten as seguintes facultades:

  1. Dirixir e organizar as actividades sociais e a xestión económica e administrativa da Asociación.     
  2. Executar os acordos da Asemblea Xeral, de acordo coas directrices da Xunta Directiva.     
  3. Calquera outra función delegada pola Xunta Directiva.     

 

Artigo 15 º.- A Presidencia

A persoa que ostente a presidencia ten as atribucións seguintes:

  1. Representar legalmente á Asociación, ante calquera organismo público ou privado. 
  2. Convocar, presidir e levantar as sesións que celebre a Asemblea Xeral, a Xunta Directiva e o Comité Executivo.      
  3. Dirixir as deliberacións dos órganos citados con anterioridade.
  4. Designar a substitución dos membros do Comité Executivo que causa baixa, temporal ou definitivamente, que deberá ratificarse pola Xunta Directiva.      
  5. Solicitar subvencións e calquera outra axuda económica de entidades públicas ou privadas.      
  6. Realizar a solicitude de recoñecemento como entidade específica ou a colaboración con outras entidades e institucións que redunden no beneficio da asociación e contribúan á consecución dos seus fins.        
  7. Ordenar pagamentos e autorizar coa súa firma documentos, actas e correspondencia.      
  8. Adoptar calquera medida urxente que sexa necesaria ou conveniente para o funcionamento da entidade e o desenvolvemento das súas actividades, sen prexuízo da súa posterior ratificación pola Xunta Directiva ou, se é o caso, pola Asemblea Xeral.      

 

Artigo 16.- As Vicepresidencias

A persoa que ostente a Vicepresidencia Primeira ou, no seu caso, as vicepresidencias pola orde establecida, substituirán na súa ausencia ó Presidente, orixinada por enfermidade ou calquera outra razón, coas mesmas atribucións.

 

Artigo 17.- A Secretaría Xeral

A persoa que ostente a Secretaria Xeral, Terá ao seu cargo a dirección dos traballos administrativos da Asociación, expedirá certificacións, levará os ficheiros e salvagardará a documentación da entidade, comunicando á Administración o que estea disposto legalmente. En ausencia da Secretaría Xeral, asumirá a súa función a Vicesecretaría Xeral. 

 

Artigo 18.- A Tesouraría

A persoa que ostente a Tesouraría custodiará os fondos pertencentes á asociación e dará cumprimento con ordes de pagamento que expida a Presidencia. En ausencia da persoa que ostenta a tesouraría, asumirá a súa función a Vicesecretaría Xeral.

 

Artigo 19º.- As Vogalías

As persoas que ostenten algunha vogalía, terán as obrigas propias do seu cargo como membros da Xunta Directiva e, no seu caso, aquelas outras que teñan asignadas especificamente no Comité Executivo ou nas comisións técnicas ou de traballo.

 

 

CAPÍTULO V
AS PERSOAS ASOCIADAS

 

Artigo 20º.- Requisitos para asociarse

Poderá pertencer a AGAXEDE, calquera persoa maior de idade ou, no seu caso, que teña personalidade xurídica propia, con capacidade de obrar e que manifeste interese pola dirección e xestión deportiva, tanto no ámbito público como privado.

 

Artigo 21º.- Clases de persoas asociadas

21.1.- As persoas asociadas poden ser físicas ou xurídicas. Son persoas físicas asociadas as seguintes:

  1. A persoa que fora designada para ocupar a Presidencia de Honra de AGAXEDE.
  2. As persoas asociadas de honra que polo seu propio prestixio ou por contribuíren de modo relevante ós fins da asociación, mediante o procedemento establecido, lles sexa atribuída tal distinción.
  3. As persoas asociadas de número que se afilien conforme o procedemento establecido e se encontren ó corrente do pago das súas cotas.
  4. As persoas colaboradoras que son aquelas que se encontren na etapa de formación académica, en calquera das ensinanzas do Sistema Educativo e que, voluntariamente, asumen funcións e realizan tarefas en proxectos e actividades de AGAXEDE.

21.2.- Son persoas xurídicas asociadas as seguintes:

  1. As federacións, clubs e demais asociacións deportivas ou que teñan entre as súas finalidades a promoción e organización de actividades de formación, de práctica deportiva ou de calquera outra finalidade no ámbito do deporte.
  2. As Administracións públicas que exerzan competencias en materia deportiva.
  3. As empresas ou calquera outro tipo de entidade, interesadas pola formación, organización, dirección ou xestión do deporte, en calquera das súas manifestacións.

 

Artigo 22º.- Causas de perda da condición de pertenza

Perderase a condición de pertenza por algunha das causas seguintes:

  1. Por renuncia voluntaria comunicada por escrito á Xunta Directiva.
  2. Por incumprimento das obrigas ou de outra natureza derivada de estes Estatutos e, en especial, cando non se satisfixo a cota establecida ó termino do ano, previa reclamación fidedigna da mesma.
  3. Por expulsión, mediante decisión da Asemblea Xeral, cando se houbese producido una infracción moi grave, de acordou ao previsto regramentariamente.

 

Artigo 23º.- Dereitos das persoas asociadas

As persoas asociadas de número terán os seguintes dereitos:

  1. Asistir á Asemblea Xeral, con voz e voto.
  2. Elixir e ser elixido membro dos órganos de goberno e representación.
  3. Recibir información das actividades e demais accións realizadas pola asociación.
  4. Participar nas actividades que organice a asociación e en calquera outra que colabore, nas condicións que se determinaran.
  5. Acceder ó réxime documental da asociación e ó seu estado de contas, a través dos órganos de representación, nos termos previstos na Lei Orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais.
  6. Alegar, con carácter previo, nas medidas disciplinarias que lle afecten.
  7. Impugnar os acordos dos órganos da asociación que estime contrarios á lei ou ós Estatutos.
  8. Realizar propostas, suxestións ou reclamacións ante a Xunta Directiva e o Comité Executivo, para o mellor cumprimento dos fins da entidade.

As persoas designadas como membros de honra e aquelas outras que teñan a condición de persoas colaboradoras, terán os mesmos dereitos referidos, a excepción do dereito de voto na asemblea.

 

Artigo 24º.- Deberes das persoas asociadas

 As persoas asociadas terán as seguintes obrigas:

  1. Asumir os fins da asociación e contribuír a súa consecución.
  2. Pagar as cotas, derramas e outras aportacións que correspondan segundo a clase de persoa asociada, a excepción de aqueles que fosen designados membros de honra ou sexan persoas asociadas colaboradoras.
  3. Cumprir o resto de obrigas que resulten das disposicións estatutarias e regramentarias.
  4. Acatar e cumprir os acordos validamente adoptados polos órganos de goberno e representación da asociación.

 

 

CAPITULO VI
 CREACIÓN DE SECCIÓNS E DECLARACIÓN DE UTILIDADE PÚBLICA
 

Artigo 25º.- AGAXEDE manifesta a súa vontade de:

25.1 Constituír no seu seno, cantas seccións ou departamentos sexan posibles para o cumprimento dos seus fins e o seu recoñecemento conforme a lexislación de aplicación e, de forma específica, o seguinte:

  1. Creación dunha sección deportiva, conforme o disposto na Lei 3/2012, de 2 de abril, do deporte de Galicia.
  2. Constitución dunha entidade xuvenil, no marco da lexislación galega da xuventude.
  3. E calquera outra que contribúa os fins da asociación.

25.2 Solicitar a declaración de Entidade de Utilidade pública, no mesmo momento que a asociación reúna as condicións e cumpra cos requisitos esixidos pola lexislación correspondente de aplicación.

 

 

CAPÍTULO VII
 TRANSPARENCIA, INFORMACIÓN E BO GOBERNO

 

Artigo 26º.- Criterios xerais

A transparencia, o acceso a información e as normas de bo goberno deberán ser as premisas fundamentais na xestión e funcionamento da asociación.

 

Artigo 27º.- Acceso á información

As persoas asociadas poderán acceder a toda a documentación que se relaciona no artigo 29º dos presentes Estatutos, a través dos órganos de representación, nos termos previstos na Lei Orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais.

 

Artigo 28º.- Información económica e presupostaria

As persoas directivas da asociación deberán facer pública mediante a plataforma tecnolóxica, como mínimo, a información relativa aos actos de xestión administrativa con repercusión económica ou presupostaria que se indican a continuación:

  1. Os convenios subscritos con institucións públicas e entidades.
  2. As subvencións e axudas públicas que se obtivesen. Con indicación do seu importe, obxectivo ou finalidade e beneficiarios.
  3. Os presupostos aprobados en asemblea anual, con descrición das principais partidas.
  4. As contas anuais que deban renderse no peche do exercicio, estipuladas na vixente lexislación de asociacións.
  5. As dietas percibidas anualmente polas persoas directivas no exercicio do seu cargo.

 

Artigo 29º.- Criterios de Bo Goberno

29.1 As persoas que exerzan algún cargo directivo ou profesional, incluso as persoas colaboradoras ou voluntarias que teñan asignada algunha responsabilidade en AGAXEDE, observarán no exercicio das súas funcións ou tarefas, o disposto na Constitución Española e no resto do ordenamento xurídico, na Lei Orgánica do Dereito de Asociación e, ademais, nos Estatutos e regramentos vixentes da asociación.

29.2 Así mesmo, adecuarán a súa actividade e tarefas aos seguintes:

  1. Principios xerais:

1.º Actuarán con transparencia na xestión dos asuntos asociativos, de acordo cos principios de eficacia, economía e eficiencia.

2.º Respectarán o principio de imparcialidade, de modo que manteñan un criterio independente e alleo a todo interese particular.

3.º Asegurarán un trato igual e sen discriminacións de ningún tipo no exercicio das súas funcións.

4.º Actuarán coa dilixencia debida no cumprimento das súas obrigas e fomentarán a calidade na prestación dos servizos da asociación.

5.º Manterán unha conduta digna e tratarán as persoas asociadas con esmerada corrección.

6º. Asumirán a responsabilidade das decisións e actuacións propias, sen prexuízo de outras que fosen esixibles legalmente.

 

      2. Principios de actuación:

1.º Gardarán a debida reserva e discreción respecto aos feitos ou informacións coñecidos con motivo ou ocasión do exercicio da súas funcións.

2.º Se absterán de intervir nos asuntos nos que concorra algunha causa que poidan afectar a súa obxectividade.

3.º No aceptarán para sé agasallos que superen os usos habituais, sociais ou de cortesía, nin favores ou servizos en condicións vantaxosas que poidan condicionar o desenrolo das súas funcións. No caso de obsequios dunha maior relevancia institucional procederase a súa incorporación ao patrimonio da asociación.

4.º Desempeñarán as súas funcións con transparencia.

5.º Xestionarán, protexerán e conservarán adecuadamente os recursos da asociación, que non poderán ser utilizados para actividades que non sexan autorizadas.

6.º Non se valerán da súa posición na asociación para obter vantaxes persoais ou materiais.

 

 

CAPÍTULO VIII
RÉXIMEN DE FINANCIACIÓN, CONTABILIDADES E DOCUMENTACIÓN

 

Artigo 30º.- Obrigas documentais e contables

AGAXEDE disporá dunha relación actualizada das persoas asociadas. Así mesmo, levará una contabilidade onde quedará reflectida a imaxe fiel do patrimonio, os resultados económicos, a situación financeira da entidade e as actividades realizadas. Tamén dispoñerá dun inventario actualizado dos seus bens.

Nun Libro de Actas recolleranse as correspondentes ás reunións que celebren os seus órganos de goberno e representación.

 

Artigo 31º.- Recursos Económicos

Os recursos económicos previstos para o desenrolo dos fins e actividades da entidade son o seguintes:

  1. As cotas de entrada, periódicas ou extraordinarias.
  2. As subvencións, legados ou herdanzas que puidera recibir de forma legal por parte das persoas asociadas ou de terceiras persoas.
  3. As apartacións concertadas cos patrocinadores.
  4. Calquera outro recurso lícito.

Considéranse patrocinadores corporativos ou de proxecto, as entidades públicas ou privadas que, mediante o acordo correspondente, realicen unha aportación económica ou de outro tipo, e a cambio, AGAXEDE se compromete a colaborar na publicidade e difusión de imaxe da entidade patrocinadora.

 

Artigo 32º.- Patrimonio Inicial e Peche de Exercicio

AGAXEDE carece de Patrimonio fundacional e o peche do exercicio económico se realizará co último día do ano natural.

 

 

CAPÍTULO IX
 DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN

 

Artigo 33º.- Acordo de disolución

A Asociación se disolverá nas circunstancias seguintes:

  1. Por vontade das persoas asociadas expresada mediante acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria, convocada ao efecto.
  2. Por imposibilidades de cumprir os fins previstos nos estatutos, mediante acordo da Asemblea Xeral.
  3. Por causas determinadas no Art. 39 do Código Civil.
  4. Por sentenza xudicial firme.

O acordo de disolución se adoptará pola Asemblea Xeral, por maioría de dous terzos das persoas asociadas que asistan ou que estean representadas.

 

Artigo 34º.- Comisión Liquidadora

En caso de disolución, nomearase unha comisión liquidadora que, unha vez extinguidas as débedas, no seu caso, o remanente do seu patrimonio social será destinado a fins non lucrativos que se comunicará, aos efectos, ao órgano competente da Xunta de Galicia.

Os liquidadores terán as funcións que establecen os apartados 3 e 4 do Art. 18 da Lei Orgánica 1/2002, do 22 de marzo.

 

 

O establecido nos presentes Estatutos entrará en vigor, no mesmo momento no que sexan cumpridos todos os trámites legais para a súa aprobación.

 

 

Dilixencia final

Dna. Patricia Pérez Galiñanes, na súa calidade de secretaria da Asociación Galega de Xestión Deportiva, fai constatar que os presentes estatutos quedan redactados conforme as modificacións acordadas na Asemblea Xeral Extraordinaria, celebrada o 28 de abril de 2020, nas dependencias da sede social de AGAXEDE, sita en Oleiros (A Coruña).

 

 

 

Descarga os Estatutos de AGAXEDE en galego:    Pulsa aquí