Asociación Galega de Xornalistas do Deporte
Breve descrición da entidade.
AGAXORDE é unha asociación que agrupa profesionais vinculados ao deporte e á comunicación, co obxectivo de xerar valor no ecosistema deportivo a través da colaboración, a visibilidade e a creación de oportunidades. Actúa como punto de conexión entre deportistas, entidades, empresas e medios, impulsando iniciativas que poñen en valor o deporte como motor social, económico e territorial.
Ao mesmo tempo, a asociación traballa na defensa da profesión, promovendo un xornalismo libre, rigoroso e baseado en boas prácticas, comprometido coa calidade da información deportiva e co respecto aos valores do deporte e, obviamente, do xornalismo por riba de todo.
Que beneficios aportades a sociedade a través da vosa entidade?
AGAXORDE é a única asociación de xornalistas deportivos existente en Galicia e forma parte da Asociación Española da Prensa Deportiva e da Asociación Internacional da Prensa Deportiva. A través desta integración, facilitamos aos nosos asociados o acceso ao carné nacional e internacional, reforzando o seu recoñecemento profesional.
Poñemos á súa disposición unha ampla carteira de servizos, con miles de ofertas e vantaxes, asesoramento xurídico especializado e unha aposta firme pola formación continua, en moitos casos de balde e noutros con importantes bolsas, incluso a nivel universitario.
Ademais, contribuímos á sociedade promovendo un ecosistema deportivo máis conectado, visible e sostible. Damos visibilidade ao deporte e aos seus protagonistas, xeramos oportunidades de colaboración entre entidades e empresas e impulsamos iniciativas con impacto real no territorio.
No ámbito editorial, lanzamos coa biografía de Bebeto o primeiro libro da colección Lecer Deportivo. A partir desta iniciativa, acompañamos aos nosos asociados que desexan publicar unha obra, ofrecéndolles asesoramento integral, deseño, maquetación e apoio na promoción. Actuamos como unha editorial, coa diferenza de que o autor non percibe o habitual 10 % de royalties, senón que pode acadar, como mínimo, o 50 % das vendas de cada libro, sendo en moitos casos unha porcentaxe incluso superior.
No ámbito da xestión, que tarefas considerades primordiais?
No ámbito da xestión, desde AGAXORDE consideramos fundamental actuar como interlocutor e punto de referencia do xornalismo deportivo en Galicia, contribuíndo a ordenar e profesionalizar a relación entre medios, entidades deportivas e empresas.
Traballamos para xerar un ecosistema máis eficiente, no que a comunicación deportiva teña un papel estratéxico, facilitando colaboracións, impulsando proxectos e abrindo novas vías de desenvolvemento profesional para os nosos asociados.
Ao mesmo tempo, apostamos por unha xestión moderna e adaptada ao contexto actual, especialmente no ámbito dixital, promovendo boas prácticas, transparencia e innovación dentro do sector.
Cales son os principais retos que afronta a vosa entidade na súa xestión diaria?
Entre os principais retos de futuro de AGAXORDE está seguir consolidándose como entidade de referencia do xornalismo deportivo en Galicia, reforzando o seu papel como punto de encontro entre profesionais, entidades e empresas. Un dos desafíos crecente é a carga administrativa e burocrática, cada vez maior, que esixe unha dedicación constante e consume unha parte importante dos recursos da asociación. Afrontar este contexto sen perder capacidade de acción nin dinamismo será clave para seguir desenvolvendo proxectos e iniciativas con impacto. Outro dos eixos estratéxicos pasa pola modernización da estrutura da entidade, especialmente a nivel dixital, coa renovación da páxina web, a incorporación de ferramentas de comercio electrónico e a implantación de sistemas de xestión que permitan optimizar procesos, mellorar a relación cos asociados e abrir novas vías de actividade. Ao mesmo tempo, un dos grandes obxectivos é reforzar o papel de AGAXORDE como enlace entre o tecido empresarial e o ámbito deportivo, facilitando que as marcas poidan integrarse no ecosistema deportivo dun xeito máis natural, con contexto, criterio e acceso directo aos profesionais que constrúen o relato do deporte en Galicia. Neste sentido, buscamos seguir xerando oportunidades que vaian máis alá do patrocinio tradicional, impulsando colaboracións que aporten valor real tanto ás empresas como ao propio sector deportivo.
Considerades necesario que exista unha institución como AGAXEDE? Por que?
A existencia dunha entidade como AGAXEDE non só é necesaria, senón fundamental para estruturar, representar e fortalecer o ámbito da xestión deportiva en Galicia. Nun contexto cada vez máis complexo e profesionalizado, resulta clave contar cunha entidade que actúe como punto de encontro e interlocutor, que dea voz aos profesionais da xestión deportiva e que contribúa a ordenar o sector, xerando coñecemento, boas prácticas e oportunidades de colaboración. Ademais da formación continua e das xornadas que organiza, AGAXEDE supón un apoio extraordinario no día a día, funcionando como un espazo de consulta e orientación para empresas, entidades e tamén para asociacións como a nosa, achegando criterio, experiencia e acompañamento en cuestións clave. Por último, desempeña un papel esencial á hora de impulsar unha xestión deportiva máis eficiente, moderna e conectada coa realidade social e económica, favorecendo o desenvolvemento do deporte desde unha perspectiva estratéxica e sostible.
Que vos aportou AGAXEDE ata este momento?
No noso caso, o papel de AGAXEDE foi especialmente relevante desde o inicio do proxecto. Máis alá da labor impagable que o seu xerente, Cristian Florin, realiza no día a día coa nosa entidade, ofrecendo apoio, orientación e acompañamento constante, cómpre destacar tamén a figura de Eduardo Blanco. A súa implicación foi clave nos primeiros pasos de AGAXORDE, asesorándonos e participando activamente na redacción dos estatutos, aportando coñecemento, rigor e unha visión estratéxica que resultou determinante para asentar as bases da asociación. Falamos dunha figura de enorme relevancia no ámbito do dereito deportivo, da xestión deportiva e da política deportiva, cunha traxectoria avalada non só polos seus méritos e recoñecementos, senón tamén polos cargos de responsabilidade que ocupou ao longo da súa carreira. Precisamente por iso, consideramos que o deporte galego e estatal, así como o propio ámbito do dereito, da xestión e da política deportiva, teñen aínda unha débeda pendente co recoñecemento á súa figura e á súa contribución. O seu legado, tanto a nivel académico como profesional e institucional, é incuestionable e segue a ser unha referencia para entidades como a nosa.
Que lle pediríades nun futuro á Asociación?
Na actualidade, unha das principais necesidades que detectamos no sector é a falta de ferramentas e espazos que faciliten a conexión real entre profesionais. Como xa sinalou neste mesmo medio o noso presidente, Alexandre Centeno, botamos en falta unha plataforma que permita ter conectados a todos os asociados, facilitando o intercambio de información, oportunidades e colaboracións. Unha especie de “LinkedIn” privado adaptado ás necesidades do sector deportivo galego. Neste sentido, contar cun entorno propio que favoreza a relación directa entre profesionais, entidades e empresas permitiría fortalecer o ecosistema, facelo máis dinámico e xerar novas oportunidades de desenvolvemento tanto a nivel individual como colectivo.
Recomendaríades a outras entidades a pertenza a AGAXEDE? Por que?
Si, recomendariamos sen dúbida formar parte de AGAXEDE. Porque é unha entidade que achega valor real ao día a día dos profesionais e das organizacións vinculadas ao deporte, non só a través da formación continua e das xornadas que impulsa, senón tamén como espazo de consulta, orientación e acompañamento en cuestións clave. AGAXEDE contribúe a profesionalizar o sector, a conectar perfís e a xerar coñecemento compartido, algo fundamental nun ámbito cada vez máis complexo e esixente. No noso caso, ademais, a experiencia foi especialmente positiva polo apoio directo recibido e pola implicación das persoas que forman parte da entidade, o que reforza aínda máis a nosa recomendación.

