REAL FEDERACIÓN GALEGA DE FÚTBOL

REAL FEDERACIÓN GALEGA DE FÚTBOL

A Federación Galega de Fútbol (FGF), constituída o 14 de novembro de 1909, co novo nome de Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) por concesión da súa Maxestade o Rei e notificada mediante credencial núm. 183/2017 que lle outorga o título de "Real", é unha entidade asociativa privada considerada de utilidade pública, sen ánimo de lucro, que se rexe pola Lei 3/2012, do 2 de abril, do Deporte de Galicia, polo Decreto 228/1994, do 14 de xullo. A RFGF está integrada na Real Federación Española de Fútbol e ostenta a representación oficial da modalidade de fútbol e as súas diferentes disciplinas e especialidades (Fútbol Sala, Fútbol Praia, Fútbol Gaélico...) dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, xestionando todas as competicións federadas das mesmas por delegación da Secretaría Xeral para o Deporte.

Que beneficios aportades a sociedade a través da vosa entidade?

Como Federación que conta con preto de 120.000 licenzas entendemos que aportamos un importante valor á sociedade desde o punto de vista de que o deporte é saúde e conleva unha serie de valores que axudan a construir unha sociedade mellor. Cada fin de semana son máis de 2.500 partidos de fútbol e fútbol sala os que se xogan por toda a xeografía galega, con todo o que iso supón en todos os aspectos. Por suposto no deportivo, pero tamén no social e no económico.

No ámbito da xestión, que tarefas considerades primordiais?

A principal tarefa federativa é a xestión das competicións e todo o que elo conleva no referente á elaboración dun modelo competicional xusto, atractivo e que permita o desenvolvemento deportivo de xogadores e xogadoras; a creación dos calendarios de competición; pero tamén aspectos moi importantes que se levan a cabo a través do Comité Técnico de Árbitros e da Escola e Comité de Adestradores, como é a captación e a formación dos árbitros e dos adestradores, estamentos estes que xogan un papel clave no bo desenvolvemento da competición. E sin esquecerse daqueles que fan posible que todo funcione: os clubs e os dirixentes (xestores) dos mesmos. A formación destes é un aspecto fundamental.

Cales son os principais retos que afronta a vosa entidade na súa xestión diaria?

Sen dúbida temos por diante desafíos importantes nos que xa estamos a traballar. A Igualdade co fomento continuado do deporte feminino A inclusión coa creación de competicións e eventos destinados a personas con diferentes capacidades, como é o caso de A Nosa Champions, tanto en fútbol como en fútbol sala E por suposto a loita contra a violencia, un desafío no que todos debemos estar involucrados para poder erradicala. A creación dunha comisión antiviolencia dentro da propia Federación foi un paso moi importante nesta liña. Pero un dos grandes retos que temos por diante é axudarlle aos directivos e xestores dos clubs a estar en disposición de afrontar con garantías os cambios que se están a producir na sociedad e que evidentemente tamén inflúen na xestión dun club deportivo.

Considerades necesario que exista unha institución como AGAXEDE? Por que?

Por suposto. Non teríamos competicións nin actividade deportiva controlada e organizada se detrás non tivéramos xestión de todo iso. Polo tanto, contar cunha institución que coñece á perfección esta materia consideramos que é fundamental. E sobre todo que esa institución se poña a disposición das federacións e, por extensión, dos clubs e dirixentes de todas as modalidades e especialidades deportivas.

Que vos aportou AGAXEDE ata este momento?

Principalmente asesoramento, información e formación técnica no referente á xestión deportiva. Os avances que se producen son moitos e a un ritmo frenético e por iso resulta clave contar co apoio dunha Asociación como Agaxede.

Que lle pediríades nun futuro á Asociación?

Temos unha ventá aberta para traballar codo con codo na formación dos directivos dos clubs de fútbol e fútbol sala, e tamén de Gaélico. De feito, estamos a punto de poñer en marcha unha formación que consideramos moi importante de cara a facilitarlle aos xestores dos clubs as cada vez máis complicadas tarefas que teñen que afrontar. Por exemplo, a dixitalización é unha realidade á que hai que adaptarse e para a que hai que prepararse, e traballar da man de AGAXEDE vai a facilitarnos moito esa misión.

Recomendaríades a outras entidades a pertenza a AGAXEDE? Por que?

Sen dúbida. Precisamente porque AGAXEDE representa un apoio moi importante á hora de afrontar programas formativos e de asesoramente que entendemos que as federacións debemos poñer en marcha.

Compartir este post: