MANUEL POLO GUNDIN
MANUEL POLO GUNDIN

-Licenciado en EF polo INEF de Galiza 1991-1996
-Técnico de deportes na administración local dende 1997, Concello de Valdoviño 1997-2004 e dende 2004 a actualidade no Concello de Mugardos.
-Concelleiro de deportes no Concello de Narón 1999-2003
-Adestrador de Atletismo no Club atletismo Narón (1994 a 1997) e (2018 a actualidade)
-Preparador físico do Aldebarán de Voleibol  de San Sadurniño (2004/2005) e do Unidade de Fene de Fútbol sala (2006 a 2011)
-Deportista federado en atletismo de 1987 a 2001 e de 2018 á actualidade. Nomeado Mellor deportista de Narón en 1992.
-Deportista federado en triatlon de 2011 a 2015

ENTREVISTA

1.Coñecías AGAXEDE antes de ser socio/a?
Si, sobre todo polas accións formativas e informativas.

2. Como decides facerte socio/a de AGAXEDE? 
Recoñezo que me demorei e por isto animo a todo o mundo vinculado á xestión deportiva a asociarse. O mellor xeito de compartir experiencias e coñecemento é desde o asociacionismo, e neste caso o vinculado á xestión deportiva que é moi amplo e diverso. Gústame aprender e coñecer esa é a razón principal. 

3.A que te dedicas, profesionalmente falando, na actualidade?
Levo dende 1997 como técnico de deportes na administración local. Na actualidade son Técnico de deportes no Concello de Mugardos, antes funo do Concello de Valdoviño. Ademais sempre estiven vinculado ao deporte como atleta, directivo e adestrador de diferentes deportes. Na actualidade compaxino o traballo no Concello de Mugardos co adestramento de atletas no Club Atletismo Narón, onde ademais compito como atleta master.

4. No teu desempeño profesional, no ámbito da xestión deportiva, que tarefas consideras primordiais?
A boa planificación do traballo, a adaptación ás innovacións técnicas e tecnolóxicas, a actualización permanente tanto no estritamente deportivo como na parte normativa que vai cambiando. Como vemos dun xeito practicamente diario dende marzo deste ano coa alerta sanitaria e o estado de alarma por mor da COVID19. Hai un tema para min fundamental nos pequenos concellos e que non quería deixa escapar, a colaboración,  os concellos temos competencias e demandas sociais que individualmente non podemos sacar, colaborando si. Teño boas experiencias nese sentido e penso que é primordial na xestión pública municipal.

5.Consideras necesario que exista unha institución como AGAXEDE? Si é importante Por que? 
Penso que a autoorganización das persoas vinculadas á xestión deportiva é fundamental polo que comentaba antes de ampliar o noso coñecemento colectivo e individual na nosa realidade. Identifícome cos problemas, necesidades e demandas de outros asociados, comparto os obxectivos da Asociación  como son os de atender as demandas dos xestores e xestoras do deporte así como compartir experiencias.

6.Que che aportou a Asociación Galega de Xestores Deportivos ata este momento?Pois antes de ser socio xa me aportou formación en diversas xornadas moi interesantes, xestión de pequenos e medianos municipios, as tecnoloxías aplicadas á xestión deportiva, o deporte para todos... agora como socio agardo que sigamos na mesma liña avanzando na formación e na difusión do coñecemento.

7. Que lle pedirías nun futuro á Asociación? 
Pois de entrada que continúen así e sobre todo aqueles que nos lean e que non son socios que se asocien si efectivamente están na xestión, sexa privada ou pública, incluídos os moitos xestores vocacionais de clubs modestos.

8. Mantés contacto co resto de xestores deportivos da Comunidade Galega? 
Pois pouco e agardo que ao ser asociado pois poida ser máis. Os foros convocados pola AGAXEDE son o espazo idóneo para coñecernos e compartir experiencias profesionais.

9. Recomendarías aos teus colegas de profesión a pertenza a AGAXEDE?
Totalmente, sexan do ámbito da xestión do deporte que sexan, clubs, federacións, concellos, empresas... hai moito campo deportivo afortunadamente e a asociación sirve para darlle criterio e cohesión a un sector, polo xeral, atomizado e individualista.