MERCEDES JUSTO PENA
MERCEDES JUSTO PENA

- Licenciada en Educación Física polo INEF da Coruña.

- Curso de postgrado en Xestión Deportiva polo Instituto Nacional de Educación Física da Universidade de Barcelona

- Profesora de Educación Física

- Monitora de actividades con base musical: ximnasia rítmica, patinaxe artístico e aeróbic.

- Coordinadora municipal de actividades deportivas no Concello de Fene.

ENTREVISTA

1. Coñecías AGAXEDE antes de ser socio/a?

Antes de ser socia por segunda vez si, de feito pertencín á primeira xunta directiva, fun a primeira presidenta, estabamos moi ilusionados xa que era un lugar de encontro, de posta en común de experiencias dun sector un pouco olvidado naquel momento polo Colexio Oficial de Licenciados de Educación Físca. Foi algo moi efímero xa que por problemas de saúde nun embarazo complicado, tiven que deixalo ao pouco tempo de comezar. 

2. Como decides facerte socio/a de AGAXEDE?

Esta é a segunda vez que me fago socia. A Asociación estivo moito tempo parada por completo. Decidín volver a facerme socia a raíz dunhas xornadas de formación nas que participei e que estaban organizadas por AGAXEDE. Entrei na páxina, vin o cambio e todo o que aporta e podemos aportar en conxunto. Bueno, todo isto, e unha charla con Eduardo Blanco.

3. A que te dedicas, profesionalmente falando, na actualidade?

Son coordinadora municipal de actividades deportivas no Concello de Fene.

4. No teu desempeño profesional, no ámbito da xestión deportiva, que tarefas consideras primordiais?

Considero fundamental a comunicación, a adaptación e a formación constante:

- A comunicación: con usuarios das instalacións e deportistas en xeral, entidades deportivas, centros de ensino, ... Necesitamos coñecer en todo momento as necesidades reais de cada colectivo para poder adaptar o noso traballo e ser realmente eficientes.

- A adaptación:  no meu caso, que é a xestión deportiva municipal, ademais de centrarse nas necesidades deportivas existentes en cada momento, debemos adaptarnos día a día ás normativas, como agora co COVID que cambian constantemente, tamén debemos amoldarnos aos criterios políticos que, segundo quen estea no Goberno Municipal, son moi cambiantes.

 - A formación: é tamén primordial porque por un lado é necesario para coñecer os novos regulamentos ou normativas a nivel federativo, administrativo, etc. e por outro formarse significa avanzar e mellorar nos servizos que poidamos ofrecer.

 5. Consideras necesario que exista unha institución como AGAXEDE? Por que?

Sin dúbida. Porque é unha entidade de referencia e encontro (aínda que sexa virtual)  para todos nós, que nos aporta experiencias, informacións, solución de dúbidas,... que nos une dalgún xeito.

6. Que che aportou a Asociación Galega de Xestores Deportivos ata este momento?

Nun primeiro momento, na primeira época, aportoume moita ilusión, era un proxecto apaixoante, sempre da man de Salva, o noso profesor de Instalacións deportivas e Xestión deportiva, que por desgracia xa non está entre nós.

Nesta segunda etapa, apórtame información, resolución de dúbidas, ... Ademais nótase que hai moito traballo detrás da súa páxina e das actividades que organizan, e iso agradécese.

7. Que lle pedirías nun futuro á Asociación?

Que continúe traballando como o fai agora e que que intente transmitir dalgún xeito o seu labor, os seus coñecementos e as súas experiencias non só aos actuais profesionais senón tamén aos futuros, aos que agora están estudiando. Descoñezo como é o sistema lectivo agora no INEF, pero poderían ser colaboracións periódicas co profesorado en horario lectivo que sustituíran algunhas clases ordinarias.

Salva, quen traballou por crear esta Asociación xunto con Eduardo Blanco, tiña un xeito moi peculiar de impartir clase de xestion deportiva e instalacións, non só era a teoría senón que introducía charlas co alumnado, contaba anécdotas da súa experiencia como xestor, ... que a min, personalmente, ensináronme a entender en moitos casos a teoría e fixeron que me interesara por un campo que ata ese momento nin valorara. Iso lle pediría á Asociación, que transmitira esas anécdotas e curiosidades que poden facer pensar e axudar a captar cousas que a teoría non ensina e que poden ser de gran valor á hora de traballar.

8. Mantés contacto co resto de xestores deportivos da Comunidade Galega?

A verdade é que só manteño contacto cos xestores dos concellos da comarca de Ferrolterra, xa que organizamos algunhas actividades conxuntamente e axudámonos sempre que é necesario.

 9. Recomendarías aos teus colegas de profesión a pertenza a AGAXEDE?

Por suposto. Cantos máis sexamos máis fortes seremos, máis poderemos colaborar entre nós, máis experiencias poderemos compartir ...