CR Fendetestas
CR Fendetestas

Breve descrición da entidade

CR Fendetestas é o clube de rugbi de As Pontes. Foi fundado no ano 1989 e actualmente conta cun equipo senior masculino, unha Escola (crianzas de 3 a 12 anos) e unha Academia (rapazada de 13 a 18 anos). Ademais, tamén ten xogadoras senior cedidas en distintos clubes galegos. O seu principal obxectivo é formar persoas en valores a través do deporte, facendo que a aposta por comPEtir nunca eclipse a firme aposta por comPARtir.

Coñecíades a Asociación Galega de Xestión Deportiva antes de asociarvos?

Si, a nosa vicepresidenta forma parte da entidade desde hai anos e xa tíñamos participado nalgún dos cursos que organiza a entidade.

Por que decidistes asociarvos a AGAXEDE?

Porque, a pesares de ser un clube con máis de 30 anos de historia, detectamos debilidades no referido á nosa xestión interna e vimos en AGAXEDE unha clara oportunidade de obter respaldo, asesoramento e formación.

Que beneficios aportades a sociedade a través da vosa entidade?

Como se ve na descrición, cremos na ensinanza en valores desde as idades máis temperás. A inclusión, a non discriminación e a perspectiva de xénero están presentes no día a día do noso clube. Queremos ser un clube para todo o mundo, no que calquera persoa que comparta estes valores se poida sentir parte da nosa familia verde.

No ámbito da xestión, que tarefas considerades primordiais?

No ámbito dun clube deportivo, temas como o tratamento de datos ou a transformación dixital son esenciais nos tempos que corren.

Considerades necesario que exista unha institución como AGAXEDE? Por que?

Por suposto. AGAXEDE é o punto de encontro de profesionais relacionados coa xestión deportiva de toda Galicia, algo moi importante que serve para evitar sentimentos de soidade e de incertidume cando estamos á fronte dun clube deportivo.

Que vos aportou AGAXEDE ata este momento?

Ante todo, formación e contactos. Nos últimos meses organizáronse webinars moi interesantes e que afectan directamente á organización das entidades deportivas. Por outra banda, ter acceso á rede de contactos de AGAXEDE permitiunos implementar melloras na nosa xestión tales como a implantación de Plaam, unha plataforma de xestión integral, ou actualizar a nosa política de tratamento de datos coa empresa Tutela.

Que lle pediríades nun futuro á Asociación?

Que siga traballando a vía da formación e da profesionalización das directivas dos clubes deportivos. Por desgraza, na maioría non hai persoas con experiencia en xestión deportiva, e AGAXEDE aporta experiencia e asesoramento para facer un traballo de calidade.

Recomendaríades a outras entidades a pertenza a AGAXEDE? Por que?

Claro que si. Pola formación, pola rede de contactos, polo acompañamento e polos descontos en diferentes servizos que son moi útiles para unha entidade deportiva.