DEPUTACION E AGAXEDE ELABORARÁN UN PLAN ESTRATEXICO DO DEPORTE DA PROVINCIA DA CORUNA

DEPUTACION E AGAXEDE ELABORARÁN UN PLAN ESTRATEXICO DO DEPORTE DA PROVINCIA DA CORUNA

Incluirá entre outras accións unha diagnose da situación actual do deporte coruñés e o desenvolvemento de accións formativas de cara á profesionalización da xestión das entidades e a súa dixitalización.

A Deputación da Coruña desenvolverá coa colaboración da Asociación Galega de Xestión Deportiva (Agaxede) un plan estratéxico do deporte da provincia, que incluirá nunha primeira fase a elaboración dunha diagnose do estado actual do deporte coruñés e o desenvolvemento de accións formativas de cara á profesionalización da xestión das entidades e a súa dixitalización.

Así o anunciou esta mañá o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, tras a reunión de traballo que mantivo co seu homólogo de Agaxede, Eduardo Blanco Pereira, co que abordou a necesidade de comezar realizando un estudo para coñecer en detalle a situación actual do ecosistema deportivo no ámbito da provincia, “unha radiografía da situación actual que nos sirva como base para detectar os puntos fortes e débiles dos centos de entidades deportivas que hai na provincia”, explicou o presidente, que considerou que “unha política deportiva seria e obxectiva non pode desenvolverse sen unha planificación previa”.

Ao mesmo tempo, tendo como base as conclusións desa diagnose, a Deputación e Agaxede ofrecerán accións de formación presenciais e online aos xestores das entidades, para os que cada vez é máis necesaria a profesionalización e actualización de coñecementos tanto no eido da xestión deportiva como na dixitalización, segundo explicou o presidente de Agaxede, entidade que o vindeiro ano cumprirá os 25 anos de experiencia.

Finalmente, a Deputación e Agaxede estudan a posta en marcha do proxecto “Natural Gym”, destinado á creación de infraestruturas ao aire libre en áreas colindantes con parques públicos e outros espazos naturais para a práctica libre de actividades deportivas.

Compartir esta noticia: