FAGDE PARTICIPA NUNHA XORNADA SOBRE O DESENVOLVEMENTO DA LEI DO DEPORTE

FAGDE PARTICIPA NUNHA XORNADA SOBRE O DESENVOLVEMENTO DA LEI DO DEPORTE

O pasado mércores, 10 de maio, tivo lugar en Toledo a xornada ‘O novo marco normativo do deporte’. Esta sesión de traballo, enmarcada nunha iniciativa do Consejo Superior de Deportes (CSD), é a primeira enfocada ao desenvolvemento da Lei do Deporte aprobada a finais do pasado ano 2022.

O encontro, organizado pola Fundación Deporte Joven do CSD, contou coa presenza do secretario de Estado para o Deporte, José Manuel Franco e reuniu a preto dun centenar de persoas vinculadas a diferentes organizacións do ámbito do deporte, especialmente no ámbito do Dereito deportivo. A Federación de Asociacións de Xestión do Deporte de España (FAGDE) participou da man do seu presidente, Fernando París, quen interveu en varios dos debates que se estableceron para realizar achegas de fronte ao desenvolvemento normativo da nova lexislación. Incidiu especialmente na necesidade de mellorar os mecánicos de integración das federacións deportivas autonómicas nas españolas. París tamén sinalou que na elaboración dun futuro Estatuto do Deportista que recolla os seus dereitos e deberes, estes deben de ser selectivos e proporcionais a determinadas categorías. Nese sentido, defendeu que devanditos dereitos e deberes non deberían ser moi distintos dos da cidadanía en xeral, na medida que en España hai xa máis de 20 millóns de practicantes que a nova Lei define como deportistas.

 

Dentro deste proceso, no que o CSD contou coa Asociación Española de Derecho Deportivo (AEDD) para o apoio técnico, establecéronse diferentes grupos de traballo para elaborar propostas de contidos e textos articulados. Nun deles, o correspondente ás federacións deportivas, está integrado Eduardo Blanco, expresidente de FAGDE e actual presidente da Asociación Galega de Xestión Deportiva (AGAXEDE). Estes grupos de traballo nutriranse das achegas recollidas nun proceso participativo aberto a todas as persoas e entidades interesadas a través dunha plataforma dixital que se activará en breve.

Esta primeira xornada de traballo celebrada en Toledo, centrada no aspecto normativo, terá a súa continuidade con outras sesións. A próxima, que terá como escenario Sevilla no mes de xuño, estará enfocada cara ás Cidades activas e territorios sostibles para o deporte. Tras o verán, Bilbao acollerá un encontro no que se analizará o deporte como fenómeno económico. O proceso concluirá cunha sesión final en Madrid.

Compartir esta noticia: