V FESTIVAL DE XOGOS E DEPORTES NA IDADE MEDIA EN RIOBÓ

O vindeiro sábado día 05 do presente mes de agosto-23, a Fundación Ricardo Pérez e Verdes e o Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA) de Ponteceso, desprazarase á aldea de Riobó de Cabana de Bergantiños, con motivo da celebración do XIV edición das Noites do Medioevo.
Esta será a QUINTA ocasión que a Fundación e o museo son convidados polo Concello de Cabana de Bergantiños, a participar no devandito festival lúdico-cultural e turístico da zona cabanesa, onde os xogos e deportes tradicionais da Idade Media son sempre protagonistas, como todos os anos. A sesión será vespertina de 18,00 a 21,00 h. no campo de xogos, situado no centro neurálxico da aldea. Non será imprescindible vestir con roupa de época, pero se algún o desexa será moi ben recibido.
Todos aqueles que desexen participar no devandito evento, están convidados de forma libre e gratuíta, e por suposto, serán moi ben recibidos polos monitores especialistas na materia lúdica. Haberá xogos de taboleiro, xogos de forza, de habilidade, destreza, de precisión, etc. e algunhas novidades e sorpresas, que como saben, cada ano tentamos presentar novidades, para que todos aqueles que queiran evidenciar as súas magníficas habilidades doutra época moi afastada, alí poderano demostrar. Será unha xornada medievalista ao grande.