CAPÍTULO I
DENOMINACIÓN, FINS, ACTIVIDADES, DOMICILIO E ÁMBITO
Artigo 1º.- Denominación
1. Coa denominación de ASOCIACIÓN GALEGA DE XESTIÓN DEPORTIVA (a partir de agora, AGAXEDE) constitúese con carácter indefinido, unha entidade sen ánimo de lucro, ao amparo do Art. 22 da Constitución Española, que se rexerá pola Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación, ademais de por calquera outra norma de aplicación e polos Estatutos vixentes e o seu desenvolvemento regulamentario.
2. O funcionamento e organización de AGAXEDE rexerase por principios democráticos, representativos e de transparencia.
3. Rexéitase expresamente a adscrición e orientación política ou de calquera outra índole ideolóxica de AGAXEDE, declarándose independente e respectando as crenzas de cada unha das persoas asociadas.
4. Establécese o firme compromiso de AGAXEDE coa transición ecolóxica e dixital, e a aposta polo desempeño dunha dirección e xestión deportiva sostible e respectuosa co medio ambiente, segura, inclusiva e igualitaria respecto das persoas e sen ningún tipo de discriminación.
Artigo 2º.- Fins
Os fins principais de AGAXEDE son:
1. O fomento e desenvolvemento, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, dun desempeño da dirección e xestión do deporte que sexa seguro, sostible, inclusivo, accesible, igualitario, dixital e de calidade.
2. A información, formación e asistencia, por medio das ferramentas e actividades que sexan precisas, ás persoas físicas e xurídicas que realizan un desempeño de dirección e xestión deportiva, tanto no sector público como privado, e xa sexa ou non de carácter profesional.
Artigo 3º.- Actividades
Para o cumprimento dos seus fins, entre outras, AGAXEDE poderá realizar as actividades seguintes:
a) Organización de actividades de formación, por medio de cursos, xornadas, seminarios e congresos en calquera das áreas de coñecemento aplicadas á xestión deportiva, xa sexa de forma presencial ou virtual.
b) Promoción de actividades físicas e deportivas saudables que fomenten o movemento e a vida activa en persoas de calquera idade e condición.
c) Explotación de instalacións e espazos deportivos que permitan o desenvolvemento dunha formación e capacitación práctica nas diversas tarefas que require a dirección e xestión integral dunha infraestrutura deportiva.
d) Prestación de servizos de asistencia e asesoramento a persoas físicas e xurídicas.
e) Elaboración de estudos, análises, informes, plans estratéxicos, plans de viabilidade, etc. no ámbito do deporte.
f) Divulgación de información e documentación de interese, por medio de publicacións, plataforma dixital, newsletters, web e redes sociais.
g) Recoñecemento mediante premios e galardóns, de persoas e institucións no ámbito da dirección e xestión do deporte.
h) Participación en plataformas e foros de interese e representación dos intereses e demandas das persoas que realizan un desempeño de dirección e xestión deportiva.
i) Fomento de encontros e actividades para promover a innovación e o emprendemento na dirección e xestión deportiva.
j) Servir de foro permanente de debate e observatorio da xestión deportiva en Galicia.
k) Edición e publicación de libros e revistas relacionadas coa área de coñecemento da dirección e xestión deportiva ou de calquera outra temática deportiva.
l) Colaboración coas iniciativas, proxectos e actividades de entidades públicas e privadas que contribúan á calidade e excelencia da xestión deportiva.
m) Cantas outras actividades contribuían aos fins de AGAXEDE.
Artigo 4º.- Domicilio e Ámbito
1. AGAXEDE terá o seu domicilio social na R/ Darwin, nº1, sito en Santa Cristina, 15.172 (Oleiros-A Coruña). Non obstante, os órganos de goberno e representación de AGAXEDE poderán reunirse en calquera lugar da Comunidade Autónoma de Galicia, de forma presencial e/ou mediante tecnoloxía dixital, adoptando os acordos e decisións que correspondan.
2. O ámbito de actuación circunscríbese ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
3. Poderanse establecer delegacións territoriais en calquera lugar da Comunidade Autónoma de Galicia, mediante acordo da Xunta Directiva, para un mellor funcionamento e representatividade da Asociación.
4. AGAXEDE atópase actualmente integrada na FAGDE (Federación de Asociaciones de Gestión do Deporte de España).
CAPÍTULO II
ÓRGANOS DE GOBERNO E REPRESENTACIÓN
Artigo 5º.- Órganos de goberno e representación
1. Os órganos de goberno e representación de AGAXEDE son a Asemblea Xeral, a Xunta Directiva e o Comité Executivo.
2. Poderán constituírse por acordo da Xunta Directiva, cantas comisións de traballo e órganos de carácter técnico sexan necesarios, previo estudo da súa viabilidade funcional e económica.
3. Os cargos poderán ser retribuídos, sempre que sexa aprobado pola Asemblea Xeral e se contemple nas contas anuais da entidade.
SECCIÓN PRIMEIRA: ASEMBLEA XERAL
Artigo 6º.- Natureza
A Asemblea Xeral é o órgano supremo de goberno de AGAXEDE e todas as persoas asociadas de número formarán parte desta, sendo as súas decisións vinculantes para todas elas.
Artigo 7º.- Reunións
As reunións da Asemblea Xeral serán ordinarias e extraordinarias. As ordinarias celebraranse unha vez ao ano, polo menos, e as extraordinarias nos supostos previstos pola lei e, en todo caso, mediante convocatoria a iniciativa propia da Presidencia, por acordo da Xunta Directiva ou cando o solicite por escrito, polo menos, o 20% das persoas asociadas.
Artigo 8º.- Convocatorias
As convocatorias das Asembleas Xerais, tanto ordinarias como extraordinarias, faranse por escrito a través de correo electrónico ou outro medio virtual ou telemático, expresando o lugar ou, no seu caso, a ligazón de acceso á plataforma ou medio dixital, día e hora da reunión, así como a orde do día. Entre a convocatoria e o día sinalado para a celebración da Asemblea en primeira convocatoria terán que mediar, polo menos, quince días naturais, facendo constar cando se reunirá en segunda convocatoria, sen que entre unha e outra poida mediar un prazo inferior a trinta minutos. Por razóns de urxencia poderá reducirse o prazo de convocatoria, debendo a Asemblea outorgar a súa conformidade no momento que quede constituída validamente.
Artigo 9º.- Quórum de validez de constitución e quórum de adopción de acordos
1. As Asembleas Xerais, tanto ordinarias como extraordinarias, quedarán validamente constituídas cando concorran a elas, presentes ou representadas en primeira convocatoria, polo menos un terzo das persoas asociadas con dereito a voto. En segunda convocatoria, quedarán validamente constituídas, independentemente do número de persoas asociadas presentes ou representadas.
2. Os acordos tomaranse por maioría simple de votos das persoas presentes ou representadas, xa sexa de maneira presencial o dixital, salvo nos supostos de modificación de estatutos, disolución da Asociación, disposición ou alleamento de bens, concertación de créditos e préstamos, emisión de títulos representativos de débeda ou de parte alícuota patrimonial, ou remuneración das persoas que integran a Xunta Directiva, nos que será necesaria unha maioría cualificada de dous terzos de votos das persoas presentes ou representadas, decidindo en caso de empate o voto de calidade da Presidencia da entidade ou da persoa que o substituía, no seu caso.
Artigo 10º.- Facultades da Asemblea Xeral Ordinaria
A Asemblea Xeral Ordinaria ten as facultades seguintes:
a) Nomeamento das persoas que ostentarán unha Presidencia de Honra ou persoas asociadas de Honra, e a ratificación do nomeamento das vacantes da Xunta Directiva.
b) Examinar e aprobar os orzamentos anuais, balances e informes de xestión.
c) Aprobar a xestión da Xunta Directiva.
d) Fixar as cotas ordinarias ou extraordinarias.
e) Acordar o ingreso e separación en calquera Asociación, Federación ou Organismo.
f) Expulsar a persoas asociadas, de forma xustificada, a proposta da Xunta Directiva.
g) Solicitar a declaración de utilidade pública.
h) Decidir a remuneración, no seu caso, da persoa que ocupe a Presidencia ou calquera das persoas que integran a Xunta Directiva.
i) Nomear persoas censoras de contas de entre as persoas asociadas non pertencentes á Xunta Directiva, que deberán conformar as contas na seguinte Asemblea Ordinaria. O seu mandato durará un ano, podendo ser reelexidas.
j) Aprobar o plan anual de actividades e a memoria do programa realizado.
k) Calquera outra facultade que non sexa da competencia exclusiva da Asemblea Xeral extraordinaria.
Artigo 11º.- Facultades da Asemblea Xeral Extraordinaria
A Asemblea Xeral Extraordinaria ten as facultades seguintes:
a) A elección da Presidencia e da súa Xunta Directiva.
b) A modificación dos Estatutos e o seu cambio de domicilio.
c) A concertación de créditos e préstamos.
d) A emisión de títulos representativos de débeda ou de parte alícuota patrimonial.
e) O alleamento de bens inmobles.
f) O debate e, no seu caso, a aprobación dunha moción de censura.
g) As que, sendo competencia da Asemblea Xeral Ordinaria, por razóns de urxencia ou necesidade, non podan agardar á súa convocatoria.
h) Todas as non conferidas expresamente á Asemblea Xeral Ordinaria ou á Xunta Directiva.
i) O acordo de disolución da Asociación e a designación das persoas da comisión de liquidación.
SECCIÓN SEGUNDA: XUNTA DIRECTIVA E COMITÉ EXECUTIVO
Artigo 12º.- Natureza e composición
1. A Xunta Directiva é o órgano de representación que xestiona e representa os intereses da Asociación de acordo coas disposicións e directivas da Asemblea Xeral. Estará formada por, polo menos, unha Presidencia, dúas Vicepresidencias como máximo, unha Secretaría Xeral (poderá haber unha Vicesecretaría), unha Tesourería (poderá haber unha Vicetesourería), e un mínimo de catro Vogalías.
2. Os cargos da Xunta Directiva desempeñaranse con carácter gratuíto, salvo o abono de dietas e gastos que correspondan no desempeño das súas responsabilidades, se ben a Asemblea Xeral Extraordinaria poderá establecer, no seu caso, a remuneración.
Artigo 13º.- Reunións e acordos
1. A Xunta Directiva será convocada pola Presidencia, a iniciativa propia ou a petición de calquera das persoas que a integran, ao igual que o Comité Executivo, e as súas reunións celebraranse, polo menos, tres veces ao año.
2. Para estar validamente constituída deberán estar presentes a metade máis unha das persoas que forman parte desta e, en todo caso, as persoas titulares da Presidencia e a Secretaría, ou persoas que as substitúan.
3. Para que os acordos da Xunta Directiva sexan válidos, deberán ser adoptados pola maioría dos votos das persoas asistentes. Os empates serán dirimidos mediante voto de calidade da Presidencia.
4. A reunión de Xunta Directiva poderase convocar, constituír, celebrar e adoptar acordos de forma presencial, telemática ou mixta, segundo se estableza na propia convocatoria. Nas reunións telemáticas, os acordos entenderanse adoptados na sede de a Asociación.
Artigo 14º. Procedementos para a elección e substitución de vacantes
1. A elección das persoas da Xunta Directiva en Asemblea Xeral Extraordinaria realizarase mediante a presentación de candidaturas pechadas, ás que se lles permitirá a adecuada difusión, cunha antelación dun mes á celebración da correspondente reunión.
2. No caso de ausencia por enfermidade, renuncia ou cese dalgunha persoa da Xunta Directiva, a Presidencia poderá substituíla provisionalmente no exercicio das súas responsabilidades e funcións por outra persoa asociada que deberá ratificarse na seguinte Asemblea Xeral. A substitución da persoa que ostente a Presidencia corresponderalle a quen exerza a Vicepresidencia Primeira ou, no seu caso, á seguinte, polo súa orde.
3. As persoas que integran a Xunta Directiva e o Comité Executivo cesarán nos supostos seguintes:
a) Por haber esgotado o período do seu mandato.
b) Por renuncia expresa.
c) Por acordo da Asemblea Xeral no caso da Xunta Directiva, e por acordo de esta cuando se trate do Comité Executivo.
Artigo 15º.- Facultades da Xunta Directiva e do Comité Executivo
1. A Xunta Directiva ten as facultades seguintes:
a) Elaborar e presentar á aprobación da Asemblea Xeral, os orzamentos anuais, balances e informes de xestión.
b) Aprobar o Regulamento de Réxime Interno ou calquera outro regulamento que se considere necesario para un mellor funcionamento da entidade.
c) Convocar e fixar as datas das Asembleas.
d) Propoñer o Plan de actividades da Asociación á Asemblea Xeral para a súa aprobación.
e) Propoñer á Asemblea Xeral as cotas ordinarias e extraordinarias para as persoas asociadas.
f) Acordar os contratos, convenios e calquera acto que non sexa de exclusiva competencia da Asemblea Xeral.
g) Contratar ao persoal dos postos de traballo previsto en no orzamento aprobado na Asemblea.
h) Designar a substitución das vacantes producidas na Xunta Directiva que deberá ratificar posteriormente a Asemblea.
i) Designar as persoas da Xunta Directiva que formarán parte do Comité Executivo e, no seu caso, ratificar as vacantes que se produzan.
j) Establecer delegacións territoriais para un mellor funcionamento da Asociación.
k) Nomear comisións de traballo ou órganos técnicos para o desenvolvemento da actividade da Asociación.
l) Resolver os procedementos disciplinarios que se instrúan.
m) Calquera outra facultade que non sexa da exclusiva competencia da Asemblea Xeral ou que non estea delegada no Comité Executivo.
2. O Comité Executivo ten as facultades seguintes:
a) Dirixir e organizar as actividades sociais e a xestión económica e administrativa da Asociación.
b) Executar os acordos da Asemblea Xeral, conforme ás directrices da Xunta Directiva.
c) Calquera outra función delegada pola Xunta Directiva.
Artigo 16º.- A Presidencia
A persoa que ostente a Presidencia ten as atribucións seguintes:
a) Representar legalmente á Asociación, ante calquera organismo público ou privado.
b) Convocar, presidir e levantar as sesións que celebre a Asemblea Xeral, a Xunta Directiva e o Comité Executivo.
c) Dirixir as deliberacións dos órganos mencionados con anterioridade.
d) Designar a substitución das persoas integrantes do Comité Executivo que causen baixa, temporal ou definitivamente, que deberá ratificarse pola Xunta Directiva.
e) Solicitar subvencións e calquera outra axuda económica a entidades públicas ou privadas.
f) Realizar a solicitude de recoñecemento como entidade específica ou a colaboración con outras entidades e institucións que redunden no beneficio da Asociación e contribúan á consecución dos seus fins.
g) Ordenar pagos e autorizar coa súa sinatura os documentos, actas e correspondencia.
h) Adoptar calquera medida urxente que resulte necesaria ou conveniente para o funcionamento da entidade e o desenvolvemento das súas actividades, sen prexuízo da súa posterior ratificación pola Xunta Directiva ou, no seu caso, pola Asemblea Xeral.
Artigo 17º.- As Vicepresidencias
A persoa que ostente a Vicepresidencia Primeira ou, no seu caso, as vicepresidencias pola orde establecida, substituirán na súa ausencia á persoa que ostente a Presidencia, orixinada por enfermidade ou calquera outro motivo, coas mesmas atribucións.
Artigo 18º.- A Secretaría Xeral
1. A persoa que ostente a Secretaría Xeral terá ao seu cargo as seguintes atribucións:
a) Tramitar as solicitudes de ingreso na Asociación e formalizar as inscricións de altas e baixas das persoas asociadas.
b) Dirixir os traballos administrativos da Asociación.
c) Formalizar as convocatorias de reunión por orde da Presidencia e redactar as actas correspondentes.
d) Redactar o inventario de bens da Asociación.
e) Expedir certificacións dos acordos, no seu caso, co visto e conforme da Presidencia, así como emitir informes.
f) Custodiar o réxime documental da Asociación, comunicando á Administración o que estea disposto legalmente.
2. En ausencia por enfermidade ou calquera outro motivo da persoa que ostenta a Secretaría Xeral, asumirá a súa función a Vicesecretaría Xeral, no seu caso, ou calquera outra persoa da Xunta Directiva designada pola Presidencia.
Artigo 19º.- A Tesourería
1. A persoa que ostente a Tesourería terá ao seu cargo as seguintes atribucións:
a) Recadar e custodiar os fondos pertencentes á Asociación, e invertelos na forma acordada pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.
b) Intervir coa súa sinatura todos os documentos de cobros e pagos co visto e conforme da Presidencia.
c) Dar cumprimento ás ordes de pago que expida a Presidencia.
d) Elaborar o anteproxecto de orzamentos para a súa aprobación.
e) Levar os libros de contabilidade da Asociación e elaborar as contas anuais para a súa aprobación pola Asemblea.
f) Calquera outra función propia da Tesourería, ou relacionada coa responsabilidade da xestión económica e financeira da Asociación.
2. En ausencia por enfermidade ou calquera outro motivo da persoa que ostenta a Tesourería, asumirá a súa función a Vicetesourería, no seu caso, ou calquera outra persoa da Xunta Directiva designada pola Presidencia.
Artigo 20º.- As Vogalías
As persoas que ostenten algunha vogalía terán as obrigacións propias do seu cargo na Xunta Directiva e, no seu caso, aquelas outras que teñan asignadas especificamente no Comité Executivo ou nas comisións técnicas ou de traballo.
CAPÍTULO III
AS PERSOAS ASOCIADAS
Artigo 21º.- Requisitos para asociarse
Poderá pertencer a AGAXEDE calquera persoa maior de idade ou, no seu caso, que teña personalidade xurídica propia, con capacidade de obrar e que manifeste interese pola dirección e xestión deportiva, tanto no ámbito público como privado.
Artigo 22º.- Clases de persoas asociadas
1. As persoas asociadas poden ser físicas ou xurídicas. Son persoas físicas asociadas as seguintes:
a) A persoa que fose designada para ocupar a Presidencia de Honra de AGAXEDE.
b) As persoas asociadas de Honra que, polo seu prestixio ou por haber contribuído de modo relevante aos fins da Asociación, mediante o procedemento establecido, lles sexa atribuída tal distinción.
c) As persoas asociadas de número que se afilien conforme ao procedemento establecido e se atopen ao corrente de pago das súas cotas.
d) As persoas colaboradoras, que son aquelas que se atopan na etapa de formación académica, en calquera das ensinanzas do sistema educativo e que, voluntariamente, asumen funcións e realizan tarefas en proxectos e actividades de AGAXEDE.
2. Son persoas xurídicas asociadas as seguintes:
a) As federacións, clubs e demais asociacións deportivas ou que teñan entre as súas finalidades a promoción e organización de actividades de formación, de práctica deportiva ou de calquera outra finalidade no ámbito do deporte.
b) As Administracións públicas que exerzan competencias en materia deportiva.
c) As empresas ou calquera outro tipo de entidade, interesadas pola formación, organización, dirección ou xestión do deporte, en calquera das súas manifestacións.
Artigo 23º.- Causas de perda da condición de pertenza
Perderase a condición de pertenza por algunha das causas seguintes:
a) Por renuncia voluntaria comunicada por escrito á Xunta Directiva.
b) Por incumprimento das obrigacións ou doutra natureza derivada destes Estatutos e, en especial, cando non se satisfixo a cota establecida ao termo do ano, previa reclamación fidedigna da mesma.
c) Por expulsión, mediante decisión da Asemblea Xeral, cando se produxera unha infracción moi grave, de acordo ao previsto regulamentariamente.
Artigo 24º.- Dereitos das persoas asociadas
1. As persoas asociadas de número terán os dereitos seguintes:
a) Asistir á Asemblea Xeral, con voz e voto.
b) Elixir e ser elixida integrante dos órganos de goberno e representación.
c) Recibir información das actividades e demais accións realizadas pola Asociación.
d) Participar nas actividades que organice a Asociación e en calquera outra que colabore, nas condicións que se determinasen.
e) Acceder ao réxime documental da Asociación e ao seu estado de contas, a través dos órganos de representación, nos termos previstos na Lei Orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais.
f) Alegar, con carácter previo, nas medidas disciplinarias que lle afecten.
g) Impugnar os acordos dos órganos da Asociación que estime contrarios á lei ou aos Estatutos.
h) Realizar propostas, suxestións ou reclamacións ante a Xunta Directiva e o Comité Executivo, para o mellor cumprimento dos fins da entidade.
2. As persoas designadas socias de Honra e aquelas outras que teñan a condición de persoas colaboradoras, terán os mesmos dereitos referidos, a excepción do dereito de voto na Asemblea.
Artigo 25º.- Deberes das persoas asociadas
As persoas asociadas terán as obrigacións seguintes:
a) Asumir os fins da Asociación e contribuír á súa consecución.
b) Pagar as cotas, derramas e outras aportacións que correspondan segundo a clase de persoa asociada, a excepción de quen sexa designada socia de Honra o sexa persoa asociada colaboradora.
c) Desempeñar as obrigacións inherentes aos cargos para os que foron elixidas.
d) Cumprir o resto das obrigas que resulten das disposicións estatutarias e regulamentarias.
e) Acatar e cumprir os acordos validamente adoptados polos órganos de goberno e representación da Asociación.
CAPÍTULO IV
RÉXIME ELECTORAL
Artigo 26º.- Proceso de elección e duración do mandato
A elección da Presidencia e Xunta Directiva pola Asemblea Xeral realizarase cada catro anos polo sistema de candidaturas pechadas, podendo ser reelexidas ata un máximo de tres períodos consecutivos.
Artigo 27º.- Xunta Electoral
1. A Xunta Electoral constitúese con tres persoas asociadas de número de entre as que manifesten a súa vontade de non presentarse ás eleccións, unha designada pola Xunta Directiva e outras dúas por sorteo que, no caso de non aceptarse polas persoas afectadas, serán propostas tamén pola Xunta Directiva.
2. A Xunta Electoral será presidida pola persoa de maior idade, a de menor idade será designada como secretaria e a outra persoa será vogal. As funcións da Xunta Electoral son:
a) Supervisar o censo de persoas electoras coa colaboración da Secretaría de AGAXEDE.
b) Actuar como Mesa Electoral na data de celebración da Asemblea.
c) Aprobar as candidaturas presentadas ou, no seu caso, proclamar a única candidatura.
d) Entregar o censo de persoas electoras ás candidaturas admitidas.
e) Coñecer e resolver os recursos que podan formularse.
f) Calquera outra función propia dun proceso electoral.
Artigo 28º.- Votación en Asemblea Xeral Extraordinaria
1. As persoas candidatas á Presidencia expoñerán durante un prazo máximo de quince minutos o seu programa de candidatura na Asemblea Xeral Extraordinaria, sendo a orde de intervención determinada por sorteo. Tras a intervención, cada candidatura disporá doutros quince minutos para responder a cantas preguntas lles fosen formuladas. Se o número de candidaturas fose superior a tres, repartiranse os noventa minutos entre elas a partes iguais.
2. Finalizado o tempo de explicación de programas dará comezo a votación, estando a tal fin previsto no local un lugar con sobres e papeletas de cada candidatura e en número suficiente, baixo a supervisión da Xunta Electoral. A candidatura gañadora será a que obteña un respaldo con maioría simple.
3. En caso de que existise soamente una candidatura, procederase á súa proclamación tras a explicación pública do programa.
Artigo 29º.- Xunta Directiva en funcións
Durante o proceso electoral, a Xunta Directiva quedará «en funcións», limitando a súa actuación ás xestións estritamente indispensables para o goberno e funcionamento ordinario da Asociación.
CAPÍTULO V
CREACIÓN DE SECCIÓNS E DECLARACIÓN DE UTILIDADE PÚBLICA
Artigo 30º.- AGAXEDE manifesta a súa vontade de:
1. Constituír no seu seno, cantas seccións ou departamentos sexan posibles e necesarios para o cumprimento dos seus fins e o seu recoñecemento, conforme á lexislación de aplicación e, de forma específica, ao seguinte:
a) Creación dunha sección deportiva, de acordo co disposto na Lei 3/2012, de 2 de abril, do deporte de Galicia.
b) Constitución dunha entidade xuvenil, no marco da lexislación galega da xuventude.
c) E calquera outra que contribúa aos fins da Asociación.
2. Solicitar a declaración de Entidade de Utilidade pública, no mesmo momento que a Asociación reúna as condicións e cumpra cos requisitos esixidos pola lexislación correspondente de aplicación, e sexa aprobado pola Asemblea Xeral.
CAPÍTULO VI
TRANSPARENCIA, INFORMACIÓN E BO GOBERNO
Artigo 31º.- Criterios xerais
A transparencia, o acceso á información e as normas de bo goberno deberán ser as premisas fundamentais na xestión e funcionamento da Asociación.
Artigo 32º.- Acceso á información
As persoas asociadas poderán acceder a toda a documentación que se relaciona no artigo 33 dos presentes Estatutos, a través dos órganos de representación, e nos termos previstos na Lei Orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais.
Artigo 33º.- Información económica e orzamentaria
As persoas directivas da Asociación deberán facer pública mediante a plataforma tecnolóxica, como mínimo, a información relativa aos actos de xestión administrativa con repercusión económica ou orzamentaria que se indican a continuación:
a) Os convenios subscritos con institucións públicas e entidades.
b) As subvencións e axudas públicas que se obteñan, con indicación do seu importe, obxectivo ou finalidade, e público beneficiario.
c) Os orzamentos aprobados en Asemblea anual, con descrición das principais partidas.
d) As contas anuais que deban renderse no peche do exercicio, estipuladas na vixente lexislación de asociacións.
e) As dietas percibidas anualmente polas persoas directivas no exercicio do seu cargo.
Artigo 34º.- Criterios de Bo Goberno
1. As persoas que exerzan algún cargo directivo ou profesional, incluso as persoas colaboradoras ou voluntarias que teñan asignada algunha responsabilidade en AGAXEDE, observarán no exercicio das súas funcións ou tarefas, o disposto na Constitución Española e no resto do ordenamento xurídico, na Lei Orgánica do Dereito de Asociación e, ademais, nos Estatutos e regulamentos vixentes da Asociación.
2. Do mesmo xeito, adecuarán a súa actividade e tarefas aos seguintes:
a) Principios xerais:
1º. Actuarán con transparencia na xestión dos asuntos asociativos, de acordo cos principios de eficacia, economía e eficiencia.
2º. Respectarán o principio de imparcialidade, de modo que manteñan un criterio independente e alleo a todo interese particular.
3º. Asegurarán un trato igual e sen discriminacións de ningún tipo no exercicio das súas funcións.
4º. Actuarán coa dilixencia debida no cumprimento das súas obrigas e fomentarán a calidade na prestación dos servicios da Asociación.
5º. Manterán unha conducta digna e tratarán ás persoas asociadas con esmerada corrección.
6º. Asumirán a responsabilidade das decisións e actuacións propias, sen prexuízo doutras que foran esixibles legalmente.
b) Principios de actuación:
1º. Gardarán a debida reserva e discreción respecto aos feitos ou información coñecidos con motivo ou ocasión do exercicio das súas funcións.
2º. Absteranse de intervir nos asuntos nos que concurra algunha causa que poda afectar á súa obxectividade.
3º. Non aceptarán para si agasallos que superen os seus usos habituais, sociais ou de cortesía, nin favores ou servizos en condición de vantaxe que podan condicionar o desenvolvemento das súas funcións. No caso de obsequios dunha maior relevancia institucional procederase á súa incorporación ao patrimonio da Asociación.
4º. Desempeñarán as súas función con transparencia.
5º. Xestionarán, protexerán e conservarán adecuadamente os recursos da Asociación, que non poderán ser utilizados para actividades que non sexan autorizadas.
6º. Non se valerán da súa posición na Asociación para obtener vantaxes persoais ou materiais.
CAPÍTULO VII
RÉXIME DE FINANCIACIÓN, CONTABILIDADE E DOCUMENTACIÓN
Artigo 35º.- Obrigas documentais e contables
1. AGADEXE disporá dunha relación actualizada das persoas asociadas. Do mesmo xeito, levará unha contabilidade onde quedará reflexada a imaxe fiel do patrimonio, os resultados económicos, a situación financeira da entidade e as actividades realizadas. Tamén disporá dun inventario actualizado dos seus bens.
2. Nun Libro de Actas, que pode ser físico ou dixital, recolleranse as correspondentes ás reunións que celebren os seus órganos de goberno e representación.
Artigo 36º.- Recursos Económicos
1. Os recursos económicos previstos para o desenvolvemento dos fins e actividades da entidade son os seguintes:
a) As cotas de entrada, periódicas ou extraordinarias.
b) As subvencións, legados ou herdanzas que puidera recibir de forma legal por parte das persoas asociadas ou de terceiras persoas.
c) As aportacións concertadas coas entidades patrocinadoras.
d) Calquera outro recurso licito.
2. Considéranse entidades patrocinadoras corporativas ou de proxecto, as entidades públicas ou privadas que, mediante o acordo correspondente, realicen unha aportación económica ou doutro tipo, e a cambio, AGAXEDE comprométese a colaborar na publicidade e difusión da imaxe da entidade patrocinadora.
Artigo 37º.- Patrimonio Inicial e Peche de Exercicio
AGADEXE carece de Patrimonio fundacional e o peche do exercicio económico realizarase co último día do ano natural.
CAPÍTULO VIII
RÉXIME DISCIPLINARIO E DE RESPONSABILIDADE
Artigo 38º.- Obriga de coñecer os Estatutos e Regulamentos
Toda persoa que pertenza a AGAXEDE, polo mero feito de selo, ten a responsabilidade de coñecer os presentes Estatutos e os diferentes Regulamentos Internos da Asociación, que deberá cumprir estritamente.
SECCIÓN PRIMEIRA: RÉXIME DISCIPLINARIO
Artigo 39º.- Competencia da Xunta Directiva
A Xunta Directiva será competente e entenderá no inicio e desenvolvemento dun expediente sancionador, e a cualificación de infraccións que podan atribuír ás persoas asociadas mediante a aplicación das sancións que correspondan, no marco destes Estatutos e, no seu caso, do Regulamento de Disciplina da Asociación.
Artigo 40º.- Infraccións
1. Serán consideradas infraccións leves, as conductas seguintes:
a) Faltar ás normas básicas de cortesía e educación que deben impregnar a vida desta Asociación.
b) Incumprir as instrucións ditadas pola Xunta Directiva que actúen no exercicio das súas funcións e que non sexa constitutivo de infracción grave ou moi grave.
c) Atentar contra a honorabilidade do desempeño de dirección e xestión do deporte e incumprir os deberes propios da deontoloxía profesional.
d) En xeral, calquera conducta que cause un prexuízo leve aos intereses, imaxe e reputación da Asociación, xa sexa de maneira pública ou mediante as redes sociais.
2. Serán consideradas infraccións graves, as conductas seguintes:
a) A reiteración na comisión de infraccións leves, considerándose reiteración a estes efectos, a comisión de dous o máis infraccións leves no período dos últimos vinte catro meses anteriores.
b) O incumprimento das instrucións ditadas pola Xunta Directiva que actúe no exercicio das súas funcións e que non sexa constitutiva de infracción moi grave.
c) O incumprimento dos acordos da Asemblea Xeral e/ou da Xunta Directiva.
d) A tentativa de agresión, física e/ou verbal, a calquera persoa que se atope na sede da Asociación ou instalacións e espazos utilizados.
e) A participación en rifas e/ou altercados con outras persoas asociadas ou con calquera outra persoa que se atope na sede da Asociación ou instalacións e espazos utilizados.
f) En xeral, calquera conducta que cause un prexuízo grave aos intereses, imaxe e reputación da Asociación, xa sexa de maneira pública ou mediante as redes sociais.
3. Serán consideradas infraccións moi graves, as conductas seguintes:
a) O acoso sexual que, sen prexuízo do establecido no Código Penal, concíbese como calquera comportamento, verbal ou físico, de natureza sexual que teña o propósito ou produza o efecto de atentar contra a dignidade dunha persoa, en particular cando se crea nunha contorna intimidatoria, degradante ou ofensiva.
b) Constitúe acoso por razón de sexo calquera comportamento realizado en función do sexo dunha persoa, co propósito ou o efecto de atentar contra a súa dignidade e de crear unha contorna intimidatoria, degradante ou ofensiva.
c) A reincidencia na comisión de infraccións graves, considerándose como reiteración a estes efectos, a comisión de dous ou máis infraccións graves no período dos últimos vinte catro meses anteriores.
d) En xeral, calquera conducta que cause un prexuízo moi grave aos intereses, imaxe e reputación da Asociación, xa sexa de maneira pública ou mediante as redes sociais.
Artigo 41º.- Sancións
1. A persoa asociada que cometa algunha infracción prevista nestes Estatutos ou, no seu caso, no regulamento que desenvolve este capítulo, será convocada por unha persoa designada da Xunta Directiva, para ser escoitada ao respecto da súa conducta e, no seu caso, valorar o inicio ou non dun expediente sancionador no que terá dereito a expor alegacións na súa defensa. En correspondencia coa gravidade das infraccións, poderanse aplicar de forma proporcional as sancións seguintes:
a) Advertencia persoal de carácter privado pola persoa que ostente a Presidencia da Asociación ou persoa a quen delegue.
b) Amoestación pública adoptada por acordo da Xunta Directiva.
c) Suspensión dos dereitos da persoa asociada por un prazo mínimo de quince días ata un máximo dun ano, a valorar por parte da Xunta Directiva, debendo pagar a súa cota anual durante dita suspensión. O incumprimento de pago conlevará o requirimento mediante carta certificada da Secretaria, para aboar o descuberto nun prazo máximo de oito días.
2. No caso de non regularizar a situación do recibo devolto tramitarase a baixa, perdendo os dereitos que ostentaba ata o momento, conforme ao proceso seguinte:
a) Separación da Asociación con prohibición absoluta de acceder á sede ou participar nas actividades, e proceder a presentar un informe ao respecto na Asemblea Xeral que, segundo a gravidade dos feitos, poderá conlevar a expulsión da persoa asociada.
b) Será a Asemblea Xeral Extraordinaria a que poderá valorar e aprobar a sanción definitiva que se lle impoña a unha persoa asociada nas infraccións cualificadas de moi graves, polo que debe incluírse na orde do día da Asemblea.
3. A imposición de calquera sanción non eximirá á persoa infractora da obriga de indemnizar á Asociación dos danos e prexuízos que lle puidese causar, incluída, no seu caso, calquera sanción económica que recaera sobre a Asociación por motivo de calquera acción realizada pola persoa responsable.
4. En consecuencia, e sen prexuízo das sancións establecidas, a Asociación resérvase o dereito a interpoñer contra a persoa infractora as correspondentes acciones legais ante os órganos xudiciais ou administrativos competentes de conformidade con a lexislación vixente.
Artigo 42º.- Ceses por sanción disciplinaria
Se algunha das persoas que forman parte da Xunta Directiva ou, no seu caso, do Comité Executivo, fose sancionada en aplicación do réxime disciplinario vixente na Asociación, será cesada de inmediato do cargo que desempeñaba nos órganos que correspondan.
Artigo 43º.- Réxime disciplinario deportivo
1. Sen prexuízo do disposto nos artigos 40 e 41 destes Estatutos, os órganos de goberno e representación, ademais das persoas asociadas, estarán sometidas ao regulamento disciplinario deportivo da Sección Deportiva, ao disposto no Título VII da Lei 3/2012, de 2 de abril, do Deporte de Galicia, e á súa normativa de desenvolvemento en todo o que sexa competencia da xurisdición deportiva en relación coa organización, desenvolvemento e participación en actividades deportivas.
2. Os conflitos internos que podan xurdir no ámbito da Sección Deportiva teñen natureza puramente asociativa e de ámbito civil, sen prexuízo da posibilidade de sometelos á arbitraxe nos termos previstos no Título VII da Lei 3/2012, de 2 de abril, do Deporte de Galicia.
Artigo 44º.- Réxime de impugnacións
As decisións disciplinarias deportivas que se adopten en materia propia da Lei 3/2012, de 2 de abril, do Deporte de Galicia, poderán ser impugnadas, se ha lugar, ante os órganos competentes da federación galega á que estivera afiliada a Sección Deportiva ou ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva; e isto sen prexuízo de impugnar por razón da materia os acordos ante outros órganos que se estimen competentes.
SECCIÓN SEGUNDA: RÉXIME DE RESPONSABILIDADE
Artigo 45º.- Responsabilidade das persoas asociadas
As persoas asociadas non responderán persoalmente das débedas que xere a Asociación.
Artigo 46º.- Responsabilidade da Asociación
1. Aos efectos de facer fronte a posibles responsabilidades en que incorra a Asociación, subscribirase unha póliza de seguros de responsabilidade civil, nos termos e condicións que se determinen pola Xunta Directiva.
2. A Asociación non asume ningunha responsabilidade en relación cos danos que calquera persoa asociada poda causar a nivel persoal a terceiros.
Artigo 47º.- Responsabilidade da Xunta Directiva
A persoa que ocupe a Presidencia e as que forman parte da Xunta Directiva responderán fronte ás persoas asociadas, a Asociación e terceiras persoas dos acordos adoptados que ocasionen por culpa ou neglixencia grave, de conformidade coa regulamentación propia da entidade e o ordenamento xurídico vixente e, salvo excepción de quen vote en contra e o faga constar expresamente na acta da sesión onde se adoptou o acordo.
CAPÍTULO IX
DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN
Artigo 48º.- Acordo de disolución
1. A Asociación disolverase nas circunstancias seguintes:
a) Por vontade das persoas asociadas expresada mediante acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria, convocada a tal efecto.
b) Por imposibilidade de cumprir os fins previstos nos Estatutos, mediante acordo da Asemblea Xeral.
c) Polas causas determinadas no Art. 39 do Código Civil.
d) Por sentencia xudicial firme.
2. O acordo de disolución adoptarase pola Asemblea Xeral, por maioría de dous terzos das persoas asociadas que asistan ou que estean representadas.
Artigo 49º.- Comisión Liquidadora
1. En caso de disolución, nomearase unha Comisión Liquidadora que, unha vez extinguidas as débedas, no seu caso, o remanente do seu patrimonio social será destinado a fins non lucrativos que se comunicará, aos efectos, ao órgano competente da Xunta de Galicia.
2. As persoas que formen parte da Comisión Liquidadora terán as funcións que establecen os apartados 3 e 4 do Art. 18 da Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo.
DISPOSICIÓN ADICIONAL: Mocións de censura
A presentación dunha moción de censura á Presidencia e Xunta Directiva deberá ser proposta polo menos polo 20% das persoas asociadas de número e haberá de incluír unha candidatura alternativa, sendo a Asemblea Xeral Extraordinaria quen aprobe ou non a moción. Todas as votacións relacionadas con mocións de censura serán secretas e, se non obtivese a confianza da Asemblea Xeral, deberá convocar eleccións nun prazo máximo de trinta días.
DISPOSICIÓN FINAL
O establecido nos presentes Estatutos entrará en vigor no mesmo momento en que sexan cumpridos todos os trámites legais para a súa aprobación.
Dna. Carla da Silva Castro, na súa calidade de Secretaria Xeral da Asociación Galega de Xestión Deportiva (AGAXEDE), fai constar que os presentes Estatutos quedan redactados conforme ás modificacións acordadas na Asemblea Xeral Extraordinaria, celebrada en Santiago de Compostela, o día 15 marzo de 2024 no salón de actos da EGAP (Escola Galega de Administración Pública) da Xunta de Galicia.