Historia e Presidencias

 

A nosa historia 

O que nos fixo chegar ata onde estamos e as persoas que sentaron as bases do que somos hoxe en día

 

A dirección e xestión do deporte no sector público e privado, a finais do século XX, xurdiu como área de coñecemento e xacemento de emprego. Esta circunstancia, propiciou a creación de asociacións autonómicas que confluíron no seo da Federación de Asociacións de Xestores do Deporte de España (FAGDE), actualmente denominada Federación de Asociacións de Xestión do Deporte, por razóns obvias. FAGDE creouse por vontade das asociacións autonómicas que estaban constituídas en 2003, co fin de aglutinar ao colectivo de persoas que realizan un desempeño de xestión deportiva, ao redor dunha organización vertebrada no ámbito estatal e autonómico.

 

CREACIÓN DE AGAXEDE

A iniciativa do querido colega e amigo xa falecido, José Luis Salvador Alonso e de Eduardo Blanco Pereira, por aquel entón profesores do chamado INEF-Galicia, convócase unha reunión que se celebrou o 17 de marzo de 1998, ao obxecto de promover a constitución da ASOCIACIÓN GALEGA DE XESTORES DEPORTIVOS (AGAXEDE), actualmente denominada por tratamento de xénero, ASOCIACIÓN GALEGA DE XESTIÓN DEPORTIVA.

A reunión desenvolveuse no mesmo INEF-Galicia, hoxe denominado Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da Universidade da Coruña, asistindo á cita, ademais de profesores do centro, técnicos deportivos dos municipios de Vigo, Ourense, Pontevedra, Mondoñedo, Fene, Carballo, Oleiros, Abegondo e Deputación de Ourense, ademais de entidades privadas como La Solana (A Coruña). Os asistentes concretamente foron José Luis Salvador Alonso, Mercedes Justo Pena, Isabel Rodríguez López, Vicente Gambau i Pinasa, Roberto Señu García Menéndez, Pablo Antonio Pía Castiñeira, Jaime Agulló Sueiro, J. Francisco García Belo, Fernando Antonio Pico Eiroa, Lucía Vidal González, Joaquín Quintas Montero, José Ángel Otero Lamas, Angel Cid Manzano e Eduardo Blanco Pereira, que asinaron o acta constitutiva en calidade de persoas promotoras e fundadoras. Nesta reunión queda constituída unha Comisión Xestora baixo a presidencia de María Mercedes Justo.

 

 

ETAPAS DE AGAXEDE
Mª Mercedes Justo Pena

1ª ETAPA: Presidencia de Mª Mercedes Justo Pena 

Ponse en marcha AGAXEDE baixo a presidencia dunha muller, Mª Mercedes Justo Pena, que foi promotora e fundadora da entidade e que exerceu o cargo durante un período moi curto, xa que por razóns persoais viuse obrigada a renunciar á presidencia da entidade.

 

 

 

José Ángel Otero Lamas

2ª ETAPA: Presidencia de José Ángel Otero Lamas

Período 1998-2007

En 1998 accede á presidencia de AGAXEDE José Ángel Otero, que substitúe a Mercedes Justo Pena e exerce o seu cargo ata 2007.

Consulta o tríptico informativo para asociarse e o boletín informativo elaborados nesta época.

 

Actividades

Esta etapa establece a primeira imaxe corporativa de AGAXEDE, a difusión dun tríptico informativo sobre a entidade para promover a afiliación e a publicación dun primeiro boletín de noticias. Igualmente, destacar que AGAXEDE é unha das entidades promotoras da constitución de FAGDE (Federación de Asociacións de Xestión do Deporte de España), participando o seu presidente José Ángel Otero Lamas.

AGAXEDE non termina de despegar, polo que José Ángel Otero convoca unha reunión que se celebrou o día 12 de febreiro de 2007 en Santiago de Compostela, na sede da Dirección  Xeral para o Deporte, constituíndose unha Xunta Xestora que será presidida por Eduardo Blanco, co obxectivo de expor unha alternativa de impulso e desenvolvemento de AGAXEDE.

O día 31 de xullo de 2007 celébrase na Facultade de Ciencias do Deporte e a EF da UDC sita en Oleiros (A Coruña), unha Asemblea Xeral Extraordinaria de AGAXEDE, onde José Luis Salvador Alonso propón delegar na persoa de Eduardo Blanco, a responsabilidade de retomar o proxecto de AGAXEDE, para que antes de finalizar o ano en curso (2007), presentásese un novo proxecto para asegurar a viabilidade e futuro da entidade. Igualmente, acórdase que asuma tamén a xestión da entidade, ata a celebración dunha asemblea xeral extraordinaria en 2008. E, finalmente, apróbase a adaptación dos Estatutos de AGAXEDE á Lei Orgánica do Dereito de Asociación de 2002, obrigación que estaba pendente de realizarse. 

 

 

Eduardo Blanco Pereira

3ª ETAPA: Presidencia de Eduardo Blanco Pereira

Período 2008-2012

O día 29 de marzo de 2008, en Santiago de Compostela ten lugar a Asemblea Xeral Extraordinaria de AGAXEDE, unha vez clausurado o I Congreso Galego de Xestión Deportiva, que ratifica e aproba en votación, por unanimidade, a candidatura de D. Eduardo Blanco Pereira, actual Presidente en funcións e o único candidato á presidencia.

 

Período 2012-2016

O día 23 de marzo de 2012, ten lugar en Lugo, a Asemblea Xeral Extraordinaria de AGAXEDE, no marco do IV Congreso Galego de Xestión Deportiva, na cal Eduardo Blanco é reelixido como presidente de AGAXEDE.

 

Período 2016-2020

O día 12 de marzo de 2016, no marco do VI Congreso Galego de Xestión Deportiva, celebrado en Ourense, Eduardo Blanco é reelixido unha vez máis como presidente.

  

Actividades

Nesta longa etapa, baixo a presidencia de Eduardo Blanco Pereira, AGAXEDE pon en marcha distintas iniciativas de actividades que se foron consolidando nas súas diferentes edicións. Entre outras, as actividades seguintes:

  • Congreso Galego de Xestión Deportiva
  • Premios Galicia á Xestión Deportiva
  • Xornada de Actividade Física Saudable
  • Xornada de Xestión deportiva para pequenos e medianos municipios
  • Foro do Deporte para Todos

Non se pode esquecer a Carreira Alternativa, unha actividade que naceu como a defensa do dereito do cidadán á práctica de actividade física e deportiva. Foi creada e organizada polo Ente de Promoción Deportiva "José María Cagigal" - Asociación Española de Deporte para Todos. E agora organizada por AGAXEDE por delegación de dito ente.

Ao longo destes tres períodos da terceira etapa, baixo a presidencia de Eduardo Blanco, polo menos débese destacar que AGAXEDE é hoxe máis forte polos seguintes feitos:

  • Creceu e somos máis, aínda que aínda non os suficientes para sentirnos representantes da xestión deportiva en Galicia.
  • Temos unha sede social que permite ser máis visible e sérvenos de espazo de encontro e referencia.
  • A web que se estreou, e que se modernizou posteriormente, proporcionou información “en aberto” e xunto coas nosas redes sociais, proxectou unha imaxe de responsabilidade e proximidade.
  • Iniciouse o camiño para superar a chamada fenda dixital, coa implantación dunha Plataforma Integral de Xestión.
  • Logramos deseñar, poñer en marcha e dar continuidade a un Plan Anual de Actividades, cun programa consolidado e en crecemento.
  • Iniciouse a profesionalización de tarefas de xestión, creándose un posto de traballo de coordinación xeral da entidade.
  • Co desenvolvemento dunha Responsabilidade Social Corporativa (RSC), que fai que AGAXEDE sexa centro de prácticas universitarias de grao e de varios  masters, da UDC, UVIGO e VIU.
  • Ademais AGAXEDE está recoñecida pola Xunta de Galicia como entidade de acción voluntaria e colabora con Institucións Penitenciarias recibindo a persoas penadas con traballos para a comunidade.
  • Además recibiu o Distintivo ao Mérito Deportivo de Galicia 2023, entregado pola Xunta de Galicia.

 

EVOLUCIÓN DA IMAXE CORPORATIVA

1ª IMAXE CORPORATIVA

 

2ª IMAXE CORPORATIVA

 

 3ª IMAXE CORPORATIVA