CARLA DA SILVA CASTRO
CURRICULO
FORMACIÓN ACADÉMICA
- Doutora con mención internacional experta en procesos de inclusión no deporte (UDC - 2022)
- Mestrado en Trastornos do Espectro Autista (Fundación Unirioja - 2018)
- Mestrado en Discapacidade e Dependencia, especialidade en intervención psicolóxica (UDC - 2017)
- Grao en Ciencias da Actividade Física e o Deporte (UDC - 2012)
EXPERIENCIA PROFESIONAL
- Prestación de servizos de xestión e investigación no deporte como traballadora autónoma (actualidade)
- Directora técnica CR Fendetestas (actualidade)
- Coordinadora de deportes no Servicio de Ocio de Aspronaga (2018-2020)
- Coidadora de persoas con TEA en Aspanaes (2016-2018)
- Coordinadora de proxectos en AGAXEDE (2016-2017) CARGOS DE
REPRESENTACIÓN E ACCIÓN SOCIAL
- Secretaria Xeral da Xunta Directiva de AGAXEDE (actualidade)
- Vicepresidenta IMAS Europa (actualidade)
- Integrante do Grupo de Investigación en Ciencias do Deporte (INCIDE) da UDC (actualidade)
- Colexiada EFD 58.3291.
1. Coñecías AGAXEDE antes de facerte socia?
Como a gran maioría de persoas que cursaron CAFD na UDC, coñecín AGAXEDE durante a carreira.
2. Como decides facerte socia de AGAXEDE?
Fixen as prácticas do grao en AGAXEDE no ano 2015, e unha vez finalizadas sabía perfectamente que quería seguir vinculada á entidade para continuar traballando en prol dunha xestión deportiva de calidade. A decisión foi sinxela!
3. A que te dedicas, profesionalmente falando, na actualidade?
Actualmente son traballadora autónoma, e dedícome a prestar servizos de xestión e investigación no deporte a entidades deportivas. Ademais, como parte de IMAS Europa traballo para difundir o modelo Mixed Ability no noso ámbito, para así promocionar a inclusión de persoas en situación de discapacidade no deporte.
4. No teu desempeño profesional, no ámbito da xestión deportiva, que tarefas consideras primordiais?
A planificación é unha parte fundamental de toda xestión deportiva. Organizar o noso traballo e o noso tempo é primordial. Pero outros eidos como a xestión de persoas, a comunicación ou a transformación dixital son tamén moi importantes, desde o meu punto de vista.
5. Consideras necesario que exista unha institución como AGAXEDE? Por que?
Por suposto, por iso levo aquí 7 anos xa. O ámbito da xestión deportiva é un dos máis descoñecidos durante a nosa formación académica, e precisamos un lugar de encontro, de formación, de asesoramento e de promoción para poder desenvolver a nosa profesión con garantías. E indo máis aló, son moitísimas as entidades deportivas que teñen á súa fronte persoas sen ningún tipo de formación na área da xestión do deporte: AGAXEDE ofrece precisamente unha vía para adquirir coñecementos prácticos e resolver dúbidas ante o seu día a día.
6. Que che aportou a Asociación Galega de Xestión Deportiva ata este momento?
AGAXEDE aportoume e apórtame profesionalización e profesionalidade. Ademais dunha rede de contactos no ámbito da xestión deportiva e de formación en diversas áreas.
7. Que lle pedirías nun futuro á Asociación?
Eu non lle pido máis a AGAXEDE.
Pídolle máis ás persoas asociadas, e as que están dubidando se asociarse: se queremos unha xestión deportiva de calidade, transparente, inclusiva e accesible, precisamos unir forzas e traballar nunha mesma dirección. Por un lado, o tecido asociativo galego no eido do deporte é moi amplo e ten unha falta clara de profesionalización. Por outro lado, a xestión deportiva municipal é unha parte clave da promoción do deporte nos nosos concellos, e tamén nos atopamos con moitos municipios que nin sequera contan con persoal técnico deportivo. Por iso é imprescindible que as persoas que se dedican á xestión deportiva (teñan ou non formación neste ámbito) se unan a AGAXEDE e traballen activamente para mellorar estas situacións.
8. Mantés contacto co resto de xestores deportivos da Comunidade Galega?
Si. Evidentemente, as xornadas organizadas por AGAXEDE facilitan este contacto, e tamén o coñecer a diversas persoas deste ámbito coas que, probablemete, non coincidiría doutro xeito.
9. Recomendarías aos teus colegas de profesión a pertenza a AGAXEDE?
Por suposto. Como puxen antes de manifesto, o tecido deportivo non medrará de xeito sano se non traballamos na mesma dirección. O deporte é parte fundamental das nosas vidas, e ademais é un dereito para toda a sociedade. Pero precisamos que este deporte esté adecuadamente organizado e teña estruturas fortes para que non deixe de lado a ninguén.