Boletín COLEF Setembro 2018
25/09/2018 Categoría:  Actualidade

 

PUBLICADAS AS COMPETENCIAS DO GRAO UNIVERSITARIO DE CIENCIAS DA ACTIVIDADE FÍSICA E O DEPORTE

Finalmente hai resolución do Consejo de Universidades sobre as competencias do grao de Ciencias da Actividade Física e o Deporte, publicada no BOE do pasado 18 de setembro. Neste dictame establécese con claridade que esta formación non se pode impartir a distancia. Dáse solución tamén ao conflito que xurdiu con dous novos títulos de FP superior da familia de actividade física que, a xuízo dos colexios profesionais e outras institucións, invadían competencias dos titulados universitarios. Estas últimas abarcarán os seguintes ámbitos:

  • Intervención educativa
  • Prevención, adaptación e mellora do rendemento físico-deportivo e a saúde mediante a condición física e o exercicio físico
  • Promoción de hábitos saudables e autónomos mediante a actividade física e o deporte
  • Intervención mediante as manifestacións do movemento humano
  • Planificación, evaluación e dirección-organización dos recursos e a actividade física e o deporte
  • Método e evidencia científica na práctica deportiva
  • Desempeño, deontoloxía e exercicio profesional no contexto das intervencións  
  • + info

O COLEF GALICIA, COA SEMANA EUROPEA DO DEPORTE

 

Co lema #BEACTIVE celébrase, do 23 ao 30 de setembro, a Semana Europea do Deporte, que chega á súa cuarta edición e que ten como obxectivo animar a todos os cidadáns da Unión á práctica deportiva. Nesta plataforma pódense inscribir novas actividades de organizacións públicas e privadas para sumar ás moitas que xa están organizadas. Pola nosa banda, o COLEF Galicia participará nas que se celebrarán os días 28 e 29 en Santiago. En concreto estará na Festa do Deporte cun obradoiro de dinamometría, entre outras propostas. Podedes consultar a axenda completa aquí

 

MÁIS DUN CENTO DE PERSOAS PASARON POLO STAND DO COLEF NO CROSS DE BROÑA

A XIV edición do Cross de Broña en Serra de Outes reuniu a numeroso público e máis dun cento de persoas pasaron polo stand co que o COLEF Galicia participou nesta iniciativa deportiva para realizar as probas de forza que se ofrecían. Manuela Vázquez Coto, Pablo Formoso, Henrique Pantín, Álex Fernández, Teresa Lameiro e Roberto Silva  ocupáronse de atender aos e as interesados en coñecer as súas capacidades en función dos valores de referencia. Podes ver a galería fotográfica nesta ligazón.

 

O NOSO COLEXIADO CRISTIAN ABELAIRAS APOSTA POLA PREVENCIÓN EN RELACIÓN CO MEDIO ACUÁTICO DESDE A ESCOLA

Cristian Abelairas Gómez é un dos nosos colexiados que elixiu a rama da investigación e a docencia para o seu desenvolvemento profesional. Pioneiro en traballos sobre o socorrismo no medio acuático, na actualidade continúa investigando sobre este tema en Portsmouth e adiántanos, como conclusións, que a condición de frío supón unha incapacidade para realizar tarefas de destreza e reduce a forza, mentres que a situación máis cálida supón un gran estrés metabólico e térmico que, en determinadas situacións, podería poñer en risco a vida do rescatador. Pola súa experiencia de estudo do tema expresa a súa preocupación pola cantidade de afogamentos que se rexistran e aposta pola prevención desde a escola, a través de clases de dominio do medio acuático, entre outras medidas.

BOAS PRÁCTICAS NA ACTIVIDADE FÍSICA ORIENTADA AO CAMPO DA SAÚDE

Se tes algunha experiencia no campo da actividade física aplicada á saúde non esquezas poñerte en contacto co Consejo COLEF, que está recollendo información para establecer un catálogo de boas prácticas nesta materia. O obxectivo final e continuar a sumar agumentos en favor da receita deportiva, unha meta que conta con moitos apoios e que pódese ver reforzada cun estudo completo da aplicación do deporte como medicina nos centros de saúde. Para ter máis información sobre como rexistrar a túa experiencia entra aquí

 

EN  BREVE 
 

Ofertas de emprego

Na nosa web podedes consultar as últimas ofertas de emprego relacionadas coa nosa profesión, entre elas a de Pilates Room, de Pontevedra, que busca un monitor/ desta especialidade; a de Einforma, de Ames, que tamén precisa dun monitor/a e a de Arasti Barca M.A. SL, en Narón, para un monitor/a de natación terapéutica e outro de ximnasia de mantemento. Pola súa banda, a Fundación Universitaria Iberoamericana e a Universidad Europea del Atlántico necesitan un redactor/a de contidos para un programa de doutorado.

 

Lección inaugural da Cátedra HM de Traumatoloxía Deportiva da UDC

Mónica Solana-Tramunt, profesora de Ciencias del Deporte da FPCEE Blanquerna, da Universidade Ramón Llull e fisioterapeuta, será a encargada de pronunciar a lección inaugural do curso na Cátedra HM de Traumatoloxía do Deporte da Universidade da Coruña. Está prevista para o vindeiro 4 de outubro, ás 19.30 horas, no edificio da Fundación ONCE, con entrada libre. O tema que abordará será o Traballo en equipo no deporte de rendemento: roles e competencias profesionais para o éxito deportivo.

 

Mestrado en comunicación deportiva da UDC

A Universidade da Coruña organiza desde outubro ata xuño a cuarta edición do seu mestrado en comunicación deportiva, que se desenvolverá nas tardes dos venres e os sábados pola mañá e que terá como docentes a Olga VizaTomás Guasch,José Antonio Luque, entre outros. Os detalles pódense consultar neste enlace.

 

Congreso sobre Ordenación Profesional da Educación Física e o Deporte

Os días 15 e 16 de novembro celebrarase en Las Palmas de Gran  Canaria o I Congreso Estatal de Ordenación Profesional da Educación Física e do Deporte. É a primeira vez que se leva a cabo unha iniciativa destas características, organizada polo Consejo COLEF en colaboración co COLEF Canarias e o Concello de Santa Lucía de Tiraijana. O congreso servirá para expoñer todas as cuestiónes relacionadas coa regulación e ordenación profesional da EF e o deporte a nivel estatal e contará con seis paneis sobre as fórmulas para ordenación profesional do sector, regulación profesional, panorama e perspectivas sobre a ordenación profesional, compatibilidade de ordenación estatal coas regulacións autonómicas, obstáculos para a regulación e visión segundo os axentes do sector.
Consulta toda a información aquí .

 

Five Inspiration Forum

A cidade da Coruña acollerá o vindeiro 6 de outubro o Five Inspiration Forum, un evento enfocado ao desenvolvemento profesional, xestión de equipos, proxectos e organizacións. Contará coa presenza de Daniel Goleman, experto en intelixencia emocional de recoñecido prestixio mundial. A organización fai un desconto a grupos de 10 persoas. +info

 

 

Edificio FEUGA. Despacho 20
Lope Gómez de Marzoa s/n. 15705 Santiago de Compostela
981 553 363 - www.colefgalicia.com – colef@colefgalicia.com