Boletín COLEF Novembro 2018
29/11/2018 Categoría:  Actualidade

 

DIEGO VILAS CASAL, NOMEADO XERENTE INTERINO DO COLEF GALICIA

O novo xerente do COLEF Galicia con carácter interino, Diego Vilas Casal, está xa incorporado ao equipo do Colexio. O seu obxectivo é aportar a súa experiencia no mundo laboral a todos e todas os colexiados e continuar a traballar para que o COLEF siga medrando. Na nosa web dá algunhas claves sobre como ve esta etapa e móstrase convencido de que é posible acabar co intrusismo "facendo ben o noso traballo" e co número de colexiado/a como a mellor carta de presentación posible. Aquí podedes ver a conversa con Diego.

 

 

MEMORIAL ADOLFO ROS

O COLEF Galicia participará activamente na XXX edición do Memorial Adolfo Ros "Volta á Ría" que discorrerá polos concellos de Ferrol, Narón, Neda e Fene o vindeiro día 2 de decembro. O Colexio organizará un quecemento activo no lugar de saída desta proba de media maratón -a praza de España de Ferrol- e dará recomendacións aos e ás participantes. As persoas interesadas en participar como voluntarios/as nesta actividade pódense inscribir ata o vindeiro luns día 26. Recibirán vestimenta corporativa e dietas. + info


OFERTAS DE EMPREGO

As últimas ofertas de emprego publicadas na nosa web son as seguintes:

Técnico/a deportivo con especialidade en actividades acuáticas para a Fundación USC Deportiva. Consulta as bases aquí

Recuperador/a físico para un Centro de Fisioterapia en Pontevedra. Xornada de tarde. Precísase formación en pilates. Enviar CV a este e-mail.

Técnico de ioga e actividade física na Fundación Siel Bleu. Traballo por horas en Culleredo para impartir un curso de oncoioga a un grupo reducido. Contacto neste e-mail

 

CHARLA PARA PREVIR A VIOLENCIA DE XÉNERO NOS CENTROS DE TRABALLO

Co obxectivo de previr a violencia de xénero nos centros de traballo e de establecer protocolos de prevención e actuación diante de casos de acoso no contorno laboral, o vindeiro luns, día 26 de novembro, impartirase na sede do Colexio de Psicólogos de Galicia (R/ Espiñeira, 10, baixo, Santiago) unha charla organizada pola Asociación Galega de Auditores Sociolaborais e de Xénero (Agaxen) en colaboración coa Unión Profesional e a Xunta de Galicia. A relatora será a presidenta de Agaxen, María Ángeles García Pérez e dará comezo ás 19.00 horas. A iniciativa está especialmente dirixida a colexiados/as. + info

 

NOVA APOSTA DO CONSEJO COLEF POR UNHA LEI ESTATAL

O Congreso Estatal de Ordenación Profesional de la Educación Física y el Deporte vén de facer públicas as súas conclusións, entre as que destaca a necesidade de contar cunha lei paraugas que harmonice as diferentes normativas existentes nas Comunidades Autónomas, solucionando así a "preguiza lexisladora" que, a xuízo do Consejo COLEF, é o motivo polo que aínda non existe esta regulación. +info
Coincidindo coa celebración deste congreso reuniuse tamén o pleno do Consejo COLEF, que decidiu iniciar os trámites para que a nova denominación da profesión sexa a de educador/a físico-deportivo. +info

O DÍA DA EDUCACIÓN FÍSICA NA RÚA-MARÍA PITA 2018, PREMIADO POR AGAXEDE

A Asociación Galega de Xestores Deportivos entrega hoxe os seus premios anuais, entre os que destaca o concedido ao Día da Educación Física na Rúa-María Pita 2018 no apartado de mellor actividade ou programa deportivo. O Día da Educación Física na Rúa é unha iniciativa do Consejo COLEF e dos Colexios autonómicos que, no caso da cidade herculina, lideraron varios membros do COLEF Galicia.

O SENADO ACORDA POÑER FIN Á DESIGUALDADE NOS PREMIOS DEPORTIVOS

O Pleno do Senado decidiu por unanimidade eliminar as desigualdades entre homes e mulleres nos premios das competicións deportivas a iniciativa da senadora de Nueva Canarias María José López. No mesmo pleno informouse de que a nova Ley del Deporte en preparación incluirá un capítulo específico dedicado á igualdade de xénero no deporte.

 

EN  BREVE 

Guía de Peritos Xudiciais

Ata o 28 de novembro está aberto o prazo para as persoas interesadas en figurar na "Guía de peritos xudiciais de Galicia 2019" da Unión Profesional de Galicia, onde están representados/as os profesionais do deporte. Se xa apareces na de anos anteriores non é necesario renovar a inscrición, a non ser que haxa algún cambio nos datos. Cubre estaautorización, e envíaa a colef@colefgalicia.com.  

Oferta de hoteles para as vacacións de Nadal destinada a colexiados/as

Os colexiados e colexiadas do COLEF teñen á súa disposición unha ampla oferta de hoteis en España e Europa da man de Hotelius Club para planificar as vacacións de Nadal. Os prezos son desde 44 euros. Podedes reservar ata o 13 de xaneiro e acceder á oferta nesta ligazón


Cota de alta gratuíta para novos colexiados/as

Ata o vindeiro 1 de decembro está vixente a oferta destinada a incorporar novos colexiados e colexiadas, que se poden acoller á promoción de cota de alta gratuíta ata a devandita data.

I Congreso de Actividad Física, Deporte y Nutrición en Valencia e Sevilla

Valencia e Sevilla serán as dúas sedes nas que se celebrará o I Congreso de Actividad Física, Deporte y Nutrición, que terá lugar os días 2 e 3 de marzo na primeira destas localidades e o 27 e 28 de abril na segunda. O congreso concíbese como unha experiencia interdisciplinar entre dietistas e nutricionistas, por unha banda, e profesionais de Ciencias da Actividade Física e o Deporte, deportistas e adestradores, pola outras. Podedes consultar o programa nesta ligazón.