NOVA REUNIÓN DO FORO DE REACTIVACIÓN DO DEPORTE GALEGO
31/12/2020 Categoría:  Actualidade

Dada a importancia do deporte na economía galega xa se inclúe no Plan Galego de Estatística 2017-2021 o “estudo de métodos e fontes estatísticas para elaborar unha análise do sector do deporte” como unha liña de actuación salientable.

A Secretaría Xeral para o Deporte vén de convocar unha nova reunión do Foro de Reactivación do Deporte Galego na que se constituíu o grupo de traballo ‘Ordenación das profesións do Deporte’ un asunto que, para o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, é “moi importante e moi poliédrico, motivo polo cal ata o momento non se fixo unha regulación en todo o Estado”. O mandatario galego recordou o peso das profesións deportivas colexiadas na economía xa que tanto en Europa como en España, achegan unha importante porcentaxe ao PIB e ao mercado laboral. Por iso, insistiu en que “a regulación das profesións debe abranguer á totalidade das profesións do deporte e non só as tituladas”.

AGAXEDE estivo presente reunión que tivo lugar na mañá do mércores, 30 de decembro, en formato dixital, representada polo presidente da entidade, Eduardo Blanco Pereira.

Lete Lasa lembrou que, no momento actual, Galicia e Baleares son as únicas comunidades autónomas que non teñen a competencia no Estatuto de Autonomía para regular as profesións do deporte, o cal dificulta ou inicio dun proceso de regulación en Galicia. No entanto, dada a importancia do deporte na economía galega xa se inclúe no Plan Galego de Estatística 2017-2021 o “estudo de métodos e fontes estatísticas para elaborar unha análise do sector do deporte” como unha liña de actuación salientable.

Ademais, Lete Lasa sinalou que no Congreso dos Deputados foi presentada unha proposición non de lei para declarar o deporte como “actividade esencial”. “Debemos ir máis aló e aproveitar esta declaración para seguir avanzando, entre outras cuestións, na regulación das profesións do sector e acadar marco xeral en todo o Estado para evitar ter 17 regulacións diferentes”, incidiu. Do mesmo xeito, apuntou outros asuntos a valorar como a terceira hora de educación física, xa proposta por Galicia ou a regulación laboral do deporte non profesional.

Dentro deste Foro e coa participación dos representantes de colectivos como o Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e Ciencias da Actividade Física e o Deporte (Colef Galicia), a Unión de Federacións Deportivas de Galicia (Ufedega), a Asociación Galega de Xestión Deportiva (Agaxede), Asociación de Empresas Xestoras de Instalacións Deportivas de Galicia (Axidega), Centros de Adestramento Persoal, as Universidades galegas e a colaboración de expertos, trátase de establecer unha regulación profesional do deporte en Galicia, tendo en conta as competencias das que dispón neste momento, dada a importancia do deporte na economía e por suposto tamén na saúde da cidadanía.