ACORDO UNÁNIME NO PARLAMENTO PARA SOLICITAR A BAIXADA AO ESTADO DO IVE DO DEPORTE
25/03/2021 Categoría:  Actualidade

No día de hoxe, 24 de marzo de 2021 os grupos da Cámara galega chegaron a un acordo para pedir ao Estado que rebaixe o tipo do imposto do valor engadido (IVE) de 21% a 10% en todas as prestacións de servizo deportivas e actividades físicas prestadas por persoas físicas que non estean xa exentas pola normativa. Ademais, tamén solicitaron que se inclúa o sector nos plans e accións de axudas directas para paliar as consecuencias económicas derivadas da paralización ou diminución da actividade debido ás restricións.

portavoz do Partido Popular, Guadalupe Murillo, contactou persoalmente co presidente de AGAXEDE, Eduardo Blanco, para anunciarlle esta nova.

O texto aprobado, despois dunha transacción entre PP e PSdeG, parteu dunha proposición non de lei defendida pola deputada popular Guadalupe Murillo, quen sostivo que "aínda que este sector non sae á rúa, é un dos máis afectados" pola pandemia da Covid-19.

"Os beneficios desta actividade para a saúde son evidentes", afirmou a parlamentaria do PPdeG, quen lamentou que esta sexa unha das ramas da economía "que máis está a tardar en recuperarse".

Así mesmo, e nun contexto no que "Galiza é a cuarta comunidade con máis empresas" dedicadas a este sector, considerou necesario apoiar o deporte e promocionar o seu consumo e práctica, polo que a redución do IVE "pode ser unha das chaves da súa próxima reactivación, pois fará o servizo moito máis atractivo para a poboación".