MAPACHE CLIMBING

MAPACHE CLIMBING

DESCRIPCIÓN E ORIXE DA ENTIDADE

O deporte foi unha parte esencial da miña vida, dende pequeno me criei vencellado ao baloncesto e escalando todo o que se podía escalar. Son un apaixonado pola escalada.

Despois de cursar o Ciclo de Actividades Físico-Deportivas no Instituto de Poio (Pontevedra) sabía que a miña vida laboral ía estar sempre ligada ao deporte. Quería converter a miña paixón na miña profesión.

Desde hai dez anos vivo e traballo en diferentes países, nos sectores servizos e deportivos: España, Reino Unido, Francia, Brasil e Noruega. Esta circunstancia posibilitou a adquisición de habilidades sociais e a capacidade de adaptación aos cambios, algo moi importante á hora de iniciar un negocio.

 As actividades de escalada e montañismo estiveron moi presentes ao longo deste tempo, con viaxes ao Himalaia indio, volcáns de Indonesia, múltiples saídas aos Alpes e aos Pirineos. Ademais de dedicar moitas horas á investigación dos rocódromos en todos os lugares visitados; observándoas, estudando e recollendo ideas para achegalas ao meu proxecto que xa comezaba a tomar forma na miña cabeza.

Despois de varios anos madurando a idea e despois de poñer en orde toda a información recollida, tanto técnica como económica, comecei a darlle vida a MAPACHE CLIMBIG. Escollido o momento en función dos Xogos Olímpicos de 2020, xa que a escalada se converteu nun deporte olímpico, dando as condicións idóneas para que este proxecto naza con forza.

A pesar do Covid 19, Mapache viu a luz. Despois de moito traballo, esforzo, medos pero tamén moita ilusión, tesón, constancia e fe no proxecto, saímos adiante. En breve cumpriremos dous anos e estamos moi orgullosos do que conseguimos. O esforzo sempre ten a súa recompensa.

 ENTREVISTA SOCIO/A DO MES 

1. Coñecíades AGAXEDE antes de ser socio/a?

 Non. 

2. Como decidides facervos socios de AGAXEDE?

Debido ao Covid, foinos moi difícil e custoso levar a cabo este proxecto, sentímonos perdidos e moi sós, polo que recorremos a internet na procura de información e apoio dentro do sector deportivo, descubrindo así AGAXEDE. Despois de varias consultas e sempre dispostos a brindarnos información e apoio, sentímonos apoiados e así xurdiu a necesidade de facernos socios.

3. A que te dedicas, profesionalmente falando, na actualidade?

A  xerencia de Mapache.

4. No ámbito da xestión deportiva, que tarefas considerais primordiais?

Ofrecer unha boa calidade de servizo aos nosos socios e clientes, proporcionándolles información, formación, atendendo as súas necesidades, visibilizando a escalada a través de competicións e eventos, facendo unha boa planificación do traballo, creando unha comunidade de escaladores.

5. Consideras necesario que exista unha institución como AGAXEDE? Por que? 

Si, como punto de encontro, unión e apoio entre os que nos dedicamos a xestionar e dirixir as distintas modalidades deportivas. Xuntos temos máis visibilidade.

6. Que vos aportou a Asociación Galega de Xestión Deportiva ata este momento?

Apoio, información, formación e sentimento de compañía.

7. Que lle pediriades nun futuro á Asociación?

Que sigan axudando e apoiando tanto ao deporte como aos seus directivos.

8. Mantedes contacto co resto das persoas xestoras deportivas da Comunidade Galega?

Si, con alguén dentro da miña modalidade.

9. Recomendaríades aos teus colegas de profesión a pertenza a AGAXEDE?

Si, de feito xa o fago, para noso beneficio e para Agaxede, canto máis sexamos, máis presenza teremos.

Compartir este post: