IN MEMORIAM ET AD HONOREM "PAVILLÓN POLIDEPORTIVO ALBERTO ARECES GAYO”

IN MEMORIAM ET AD HONOREM

O vindeiro sábado 4 de maio a Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física (INEF Galicia) organizará a partir das 12,30 horas na súa sede (Oleiros) o acto In memoriam et ad honorem “Pavillón Polideportivo Alberto Areces Gayo no que se oficializará a denominación desa instalación deportiva co nome do que fose profesor deste centro durante máis de 20 anos, falecido nel 2018.

Alberto Areces, á parte do seu labor docente, foi un destacado xogador de Hóckey sobre Patíns, disciplina na que logrou varios títulos continentais e nacionais co Liceo Caixa Galicia na década dos 80 e alcanzar a internacionalidade coa Selección Española en máis de 30 ocasións.

Á marxe dos seus méritos deportivos como xogador e asumir as tarefas de vicedecano nesta facultade, o Prof. Areces destacouse, entre outros aspectos, pola intensa e frutífera dinamización do Hóckey sobre Patíns feminino en Galicia, impulsando a constitución dun equipo do INEFG con grandes resultados deportivos.

O decano de facultade, Rafael Martín Acero, organizadora do acto, xa confirmou a participación do reitor da UDC, Ricardo Cao Abad, familiares de Alberto Areces, unha ampla representación de compañeiros do club Cibeles de Oviedo, o seu primeiro equipo, e Liceo da Coruña, xunto a destacados membros da federación galega e española, ex-xogadoras do equipo do INEFG creado por Alberto Areces e directivos do Colexio Liceo da Coruña. No acto tamén colabora o Centro de Estudos e Investigación Olímpicos da UDC, que estará representado polo seu director, Isidoro Hornillos.

Entre outras actividades previstas, á parte do descubrimento da placa conmemorativa co nome de Pavillón Alberto Areces e da intervención das autoridades presentes, realizarase unha "pachanga" de Hóckey sobre Patíns, así como a proxección do vídeo "Lembrando a Alberto" na que tamén participa en vivo o destacado grupo musical “As Lens”

Compartir esta noticia: