FEDERACIÓN GALEGA DE MONTAÑISMO

FEDERACIÓN GALEGA DE MONTAÑISMO

A Federación Galega de Montañismo (en adiante FGM) constituíuse o 23 de outubro de 1963 baixo a denominación de "Federación Galaica de Montañismo", pasando a chamarse despois "Federación Gallega de Montañismo" e máis tarde "Federación Galega de Montañismo". Polo que o pasado 23 de outubro foi o 60 aniversario.

- A FGM é unha entidade privada, de utilidade pública, sen ánimo de lucro, que goza de personalidade xurídica, patrimonio propio e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.

- A FGM reúne dentro do territorio galego, ás asociacións, clubs deportivos, técnicos/as, xuíces/zas e árbitros/as e deportistas, dedicados á práctica ou competición dos deportes de montaña ou escalada en todas e cada unha das modalidades que máis adiante se especifican.

É obxecto da FGM como ente asociativo:

1) Apoiar técnica, administrativa e economicamente ós deportes de montaña e escalada en todas e cada unha das súas modalidades no territorio galego e en actividades federativas que realicen galegos afiliados á FGM fóra de Galicia.

2) Aglutinar e prestar apoio ós deportistas que desenvolvan a súa actividade en calquera das modalidades que comprenden os deportes de montaña e/ou escalada, e potenciar a realización dos oportunos cursos de iniciación, perfeccionamento, alto nivel e de titulación, incluíndo tamén a árbitros e xuíces.

3) Representar oficialmente e de maneira exclusiva ós deportes de montaña e á escalada galegos ante os organismos e institucións autonómicas e estatais, e tamén difundir as normas e recomendacións emanadas dos mesmos. Ostentar a representación de Galicia nas actividades e competicións deportivas de carácter estatal celebradas fóra e dentro do territorio galego.

4) Traballar e colaborar na protección do medio natural co obxectivo prioritario de preservalo de accións que modifiquen o seu estado natural inicial, e intervir ante os entes públicos e/ou privados con responsabilidades e/ou relacionados con estas cuestións.

5) Estimular e potenciar entre a cidadanía, a práctica dos deportes de montaña e/ou escalada en todas e cada unha das súas modalidades.

6) Colaborar e poñer en práctica os mecanismos necesarios para incrementar a seguridade na práctica destes deportes.

7) Difundir o coñecemento das belezas naturais que se atopan no ámbito da montaña, prestando o apoio e colaboración precisos para a construción e conservación de camiños, sendeiros e refuxios, así como a confección de mapas, guías e monografías, e a publicación, realización e organización de revistas, películas, conferencias, etc.

8) Desenvolver e fomentar os estudios e traballos xa sexan científicos, artísticos, de divulgación ou de calquera outra índole que estean relacionados coa montaña e/ou coas modalidades deportivas que esta FGM acolle.

9) Fomentar e colaborar en actividades científicas como investigacións e exploracións xeolóxicas, xeográficas, meteorolóxicas, fauna, flora, etc. e calquera outra relacionada co medio natural.

10) Xestionar ante organismos públicos e/ou privados os apoios e axudas de toda índole que sexan necesarios ou útiles para os deportes de montaña e a escalada.

Coñecíades a Asociación Galega de Xestión Deportiva antes de asociarvos?

Si, desde casi a súa fundación. Polos oríxenes profesionais dos seus fundadores, vinculados á Facultade de Ciencias do Deporte da Coruña, así como a súa presencia nos diferentes ámbitos da xestión desta entidade, coa cal a actual presidenta desta federación, Josefina Maestu Almeida, colabora dende hai anos e é socia activa desta entidade.

Por que decidistes asociarvos a AGAXEDE?

Por unha cuestión de responsabilidade social tendo en conta que conflúen obxectivos comúns dentro do ámbito da xestión deportiva. por outro lado, as persoas federadas como os clubs, poderanse enriquecerse das aportacións de AGAXEDE, tralos anos de experiencia e adicación á xestión deportiva.

Que beneficios aportades a sociedade a través da vosa entidade?

En xeral a regulación dos deportes de montaña en Galicia, representando á esta Comunidade Autónoma. Damos soporte a todas as persoas que desexan reaizar deportes de montaña en Galicia a través dunha oferta de actividades competitivas ou non, entre elas, á formación a través da Escola Galega de Alta Montaña, a cobertura dun seguro deportivo, etc.

No ámbito da xestión, que tarefas considerades primordiais?

Son moitas as tarefas relacionadas coa xestión desta federación, entre as que destacamos: - A xestión de actividades e dos recursos económicos públicos recibidos pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Gallicia, para poder desenvolver as funcións públicas delegadas. - A administración de cerca de 8000 licencias anuais, con todo o que isto significa (organización de actividades, xestión do seguro de accidentes deportivos e de responsabilidade civil...). - O mantemento en bo estado dos refuxios que xestiona a FGM. - A atención aos organismos públicos que precisan informes y/o asesoramento desta federación (concellos, deputacións, consellerías)

Considerades necesario que exista unha institución como AGAXEDE? Por que?

Si, porque enriquece o sistema deportivo galego aportando ou complementando as aportacións de todas aquelas entidades que teñen competencias en materia deportiva: concellos, diputacións, Xunta de Galicia e universidades públicas e todo o texido deportivo (clubs, federacións deportivas, agrupacións deportivas escolares e seccións deportivas de clubs) dende unha perspectiva vinculada á xestión deportiva que beneficia a todo o texido asociativo. Por outra parte AGAXEDE ofrece un amplio servizo de actividades de formación e encontros, onde o eixe principal é a xestión deportiva, os cales aportan sinerxias de colaboración e ampliación de coñecementos ás persoas asistentes.

Que vos aportou AGAXEDE ata este momento?

Respaldo na xestión deportiva ante dúbidas consultadas e esta entidade. Unha canle de enriquecemento de contidos, recursos de xestión, e contactos con outros axentes do ámbito da xestión deportiva, tras a asistencia de membros da Xunta Directiva desta federación ás diferentes formacións organizadas por AGAXEDE.

Que lle pediríades nun futuro á Asociación?

Que teña unha maior presencia no ámbito asociativo: no mundo das federacións e clubs, como parte substancial do texido deportivo galego. As persoas que dirixen estas entidades realizan un enorme esformo perosal, cun escaso respaldo económico, o cal impide acceder á contratación de profesionais da xestión deportiva. Polo que a formación se converte no instrumento máis valioso para todas as persoas xestoras deportivas deste texido asociativo.

Recomendaríades a outras entidades a pertenza a AGAXEDE? Por que?

Si por todos os motivos indicados anteriormente, tanto para as persoas xóvenes dirixentes deportivas, persoas que obstentan as presidencias de clubs, federacións, como aos responsables políticos municipais de deporttes. Sen dúbida AGAXEDE é nestes momentos un dos eixes da xestión deportiva en Galicia.

 

Compartir este post: