Novas COLEF-Galicia
16/12/2016

Boletín Nadal 2016

 

• MARTA MÍGUEZ_ NOVA SECRETARIA XERAL PARA O DEPORTE

 

A nosa colexiada número 10.151, Marta Míguez Telle, vén de ser nomeada nova Secretaria Xeral para o Deporte, en substitución de José Ramón Lete, actual presidente do CSD. A súa experiencia como deportista e na xestión foron os avais para a súa elección. O COLEF Galicia, ao que Marta Míguez pertence desde 2003, trasládalle os seus parabéns e o apoio nesta responsabilidade.

 

• CARLOS LALÍN_ PREMIO AO DEPORTE DA UDC

 

A Universidade da Coruña concedeu ao noso colexiado número 8.965, Carlos Lalín Novoa, o premio ao Deporte pola súa traxectoria como readaptador físico-deportivo. Carlos Lalín é doutor en Ciencias da Actividade Física e o Deporte e na actualidade traballa co Manchester United. Desexámoslle que siga a obter moitos éxitos, como merece pola súa valía profesional e persoal.

 

• ENQUISA SOBRE ACTIVIDADES FORMATIVAS: DANOS A TÚA OPINIÓN

 

Para elixir e organizar mellor a nosa oferta formativa para o ano 2017 e seguintes queremos coñecer a túa opinión. Podes participar cubrindo este cuestionario.

 

• ENCONTROS CO ALUMNADO

 

En Bastiagueiro estivemos coa Delelgación de Alumnos da Facultade de Educación Física e o Deporte da UDC, e este mércores visitamos a Facultade de Educación e Deporte de Pontevedra, onde falamos cos alumnos de 2º curso sobre regulación profesional e colexiación.

 

• RECURSO CONTRA O CONCELLO DE LAXE

 

Dentro do labor do COLEF de defensa dos seus asociados e co obxectivo de garantir a prestación de servizos seguros e de calidade á cidadanía, o Colexio presentou un recurso contra as bases para a contratación de monitores deportivos no Concello de Laxe. Esta administración local decidiu admitir a candidatos que poidan acreditar experiencia profesional sen vinculación con ningún título oficial. O COLEF pretende que se modifiquen estas bases para cumprir coa legalidade.

 

• COMUNICADO EN RESPOSTA ÁS ACUSACIÓNS DO COLEXIO DE FISIOTERAPEUTAS SOBRE A CAMPAÑA “O EDUCADOR FÍSICO”

 

O COLEF Galicia respostou cun comunicado ás acusacións do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia en relación coa campaña “O Educador Físico” para deixar claro que o seu obxectivo é concienciar á poboación da necesidade de realizar exercicio físico correctamente e co asesoramento dun profesional cualificado. O Colexio defende o traballo multidisciplinar, quere fuxir de polémicas e insiste en que o educador físico é o profesional máis preparado para levar a cabo calquera tipo de adestramento e supervisar a práctica de exercicio físico saudable. Podedes acceder ao comunicado completo aquí.

 

• CONVENIO COA LIGA REUMATOLÓXICA GALEGA

 

O COLEF Galicia e a Liga Reumatolóxica Galega firmaron un convenio de colaboración para potenciar a colaboración entre as dúas organización de cara á posta en marcha de iniciativas para mellorar a calidade de vida dos doentes con patoloxías reumáticas. Máis información neste enlace.

 

• RENOVACIÓN DA PÁXINA WEB DO COLEF

 

Ata o 31 de decembro está aberto o prazo para a presentación de ofertas para redeseñar a identidade corporativa do COLEF Galicia e para renovar a súa páxina web. Os interesados poden consultar as condicións aquí.